- Grazas á colaboración dos cidadáns e á eficiencia das plantas de selección, España alcanzou, segundo datos de ARPAL, o obxectivo europeo previsto para 2025 e avanza cara á consecución do 60% en 2030
Cerceda, a 21 de xullo de 2023.- Segundo datos de ARPAL, España reciclou en 2022 un total de 79.027 toneladas de envases de aluminio e fíxoo a través de distintos fluxos: plantas de selección, plantas de residuos urbanos, recollidas selectivas fóra do fogar, recuperadores de residuos e escorias de incineradora.
A Directiva Europea 2018/852 do Parlamento Europeo e do Consello establece que, no ano 2025, debe reciclarse o 50% dos envases de aluminio e, en 2030, o 60%. Grazas á colaboración dos cidadáns e á eficiencia das plantas de selección, España xa alcanzou o obxectivo previsto para 2025 e agora o reto de ARPAL oriéntase cara á consecución do 60% para 2030.
Estudo auditado e avalado
Cada ano, ARPAL realiza un estudo para coñecer as toneladas de envases de aluminio recuperadas en plantas de xestión de residuos, complementando esta información cos datos proporcionados por ECOEMBES (envases de aluminio recuperados a través do contedor amarelo, de plantas de residuos e compostaxe, e de recollidas selectivas fóra do fogar). A publicación conta coa colaboración da Federación Española da Recuperación (FER) e pode consultarse na web www.aluminio.org. Todos os datos obtidos son auditados por empresas certificadas como KPMG.
O obxectivo principal de ARPAL é promover a selección dos envases de aluminio en orixe e o seu posterior depósito no contedor amarelo. Con tal fin, establece alianzas e colaboracións con distintas entidades para divulgar as bondades da reciclaxe deste material, toda vez que constitúe unha excelente materia prima coa que volver a fabricar produtos de aluminio ao non perder propiedades no proceso de transformación. De feito, o 75% de todo o aluminio que se fabricou desde hai 100 anos atópase actualmente en uso grazas á reciclaxe. Outra vantaxe é que se aforra un 95% da enerxía necesaria para producilo a partir do mineral bauxita.
Fonte: ARPAL
Imaxe: Pexels