- Así o trasladou o presidente de Sogama a diferentes medios de comunicación en comparación co mesmo período de 2019.
- Pola súa banda, a produción de residuos correspondentes á bolsa negra viuse incrementada nun 9,45%.
- Durante os primeiros días de abril, constatouse un lixeiro descenso na xeración de lixo convencional, aínda que se mantén activo o compromiso da poboación coa reciclaxe dos envases lixeiros.
- En todo caso, Domínguez animou aos cidadáns a seguir protexendo o medio ambiente na distancia para gozalo plenamente, e con saúde, cando superemos este mal momento.
Cerceda, a 9 de abril de 2020.- Desde que se decretou o estado de alarma, a produción e a composición dos residuos xerados nos fogares viuse modificada substancialmente, sendo este outro dos elementos que evidencian a gran alteración que o COVID-19 trouxo ás nosas vidas.
Se ben, tal e como asegurou a varios medios de comunicación o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, durante a primeira semana do confinamiento detectouse un lixeiro descenso na xeración de residuos, a tendencia cambiou radicalmente durante a segunda semana, cun aumento na produción de bolsa negra do 9,45%, e isto a pesar do cese de actividade no sector hostaleiro e distintos comercios. Se a comparativa se efectúa con marzo do 2019, o devandito incremento ascende ao 3,27%
Non obstante, a colaboración dos cidadáns na reciclaxe da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) mellorou notablemente respecto ao mesmo período do ano 2019, constatándose un crecemento do 25,58%.
Aínda que non foi posible realizar caracterizacións dos refugallos, dado o risco que isto supón en materia de prevención, si se pode deducir, pola tipoloxía dos mesmos, unha maior presenza de téxtis, obxectos vellos, trastos, etc, circunstancia que leva a deducir que as familias, aproveitando o parón, dedicáronse a facer unha profunda limpeza das súas casas.
Así mesmo, o consumo de produtos envasados aumentou de forma exponencial. É o caso de artigos de limpeza e aseo, latas, tanto de refrescos como de conservas, briks de leite, zume, etc.
Froito da incerteza propia do momento, descoñécese como continuará a curva da produción e a reciclaxe de residuos ao longo das próximas semanas. O que si é certo é que, durante os primeiros días de abril, detectouse un lixeiro descenso na produción de lixo convencional, aínda que se mantén activo o compromiso da poboación coa reciclaxe dos envases lixeiros.
En todo caso, Domínguez animou aos cidadáns consumir de forma responsable, a alongar ao máximo a vida útil dos produtos e a separar os residuos para que poidan ser reciclados; en definitiva, a seguir protexendo o medio ambiente na distancia para gozalo plenamente, e con saúde, cando superemos este mal momento.
Saúdos, Departamento de Comunicación