- De 2.207,82 toneladas en 2019, pasouse a 2.652,68 toneladas no mesmo período do ano en curso.
- Unha cifra que denota o bo comportamento ambiental e o compromiso dos galegos coa reciclaxe, así como a maior conciencia sobre a necesidade de loitar contra os plásticos de usar e tirar, e de propiciar a súa recuperación.
- Pola súa banda, a xeración de residuo convencional (fracción resto) caeu un 0,8%, baixando das 63.717,42 toneladas ás 63.186,29 toneladas de 2020.
Cerceda, a 5 de outubro de 2020.- O bo comportamento ambiental dos galegos fixo posible que a reciclaxe dos materiais depositados no contedor amarelo de recollida selectiva (envases de plástico, latas e briks) experimente un notable crecemento, do 20,15%, respecto do mesmo período de 2019. Un dato que evidencia a preocupación e o compromiso da poboación coa reciclaxe como fórmula coa que contribuír á loita contra a contaminación e o cambio climático, así como ao aforro de enerxía e materias primas virxes.
Se en setembro de 2019 entrou na planta de clasificación de Sogama 2.207,82 toneladas de envases, no mesmo mes do ano en curso esta cifra ascendeu a 2.652,68 toneladas. A través de procesos automatizados, nesta instalación selecciónanse os materiais por tipoloxías e prénsanse para a súa posterior remisión aos centros recicladores, onde son convertidos en novos produtos que se reincorporan ao circuíto comercial.
Ademais de todo isto, a cidadanía está a tomar conciencia da seria ameaza que representa o abandono de plásticos nas contornas naturais, onde poden permanecer séculos, tendo nefastas consecuencias para os ecosistemas, a fauna e, por suposto, para a alimentación humana.
Nesta batalla contra os plásticos de usar e tirar, Sogama vén desenvolvendo campañas de formación e sensibilización sobre a necesidade de practicar un consumo responsable, priorizar a adquisición de artigos a granel e coa menor embalaxe posible, optar por envases e envoltorios sostibles e separar correctamente os refugallos en orixe a fin de depositalos nos contedores correspondentes e propiciar desta forma o seu posterior reciclado.
Pola súa banda, a xeración de residuo convencional (fracción resto) caeu un 0,8%, baixando das 63.717,42 toneladas de setembro de 2019 ás 63.186,29 toneladas de 2020. Un dato moi positivo, toda vez que a prevención e a redución da produción de lixo constitúe o primeiro elo da correcta xestión do mesmo.
Saúdos, Departamento de Comunicación