
- En 2022 recicláronse 580.000 Tn de aluminio, evitando 5,4 millóns de Tn de CO₂ equivalente, aínda que persisten desafíos para acadar o 90% de recuperación
Cerceda, a 19 de febreiro de 2025.-A reciclaxe de latas de aluminio para bebidas segue crecendo en Europa. Durante 2022, lográronse cifras récord, con 580.000 toneladas recicladas, o que evitou a emisión de 5,4 millóns de toneladas de CO₂ equivalente. Isto correspóndese coas emisións anuais dunha gran cidade europea, como Oslo ou Xénova.
De acordo co último informe de Metal Packaging Europe e European Aluminium, a taxa de reciclaxe destes envases acadou o 75% na UE, Reino Unido, Suíza, Noruega e Islandia. Aínda que supón unha leve diminución do 1% respecto do ano anterior, o volume absoluto de aluminio reciclado aumentou en 10.000 toneladas, marcando un crecemento do 1,7%.
O principal motivo desta aparente contradición está no aumento do consumo de latas, que deixou ao sistema de recollida e clasificación sen capacidade suficiente para manter o ritmo de reciclaxe proporcional.
Para avanzar cara o obxectivo do 90% de reciclaxe en Europa, resulta imprescindible mellorar as infraestruturas de recollida, particularmente mediante a implementación de Sistemas de Depósito e Retorno (SDR). Sen estes mecanismos, advirte o informe, os Estados membros terán dificultades para lograr as metas fixadas.
Cara á circularidade total en 2050
O aluminio, un material "permanente" que pode reciclarse infinitas veces sen perder propiedades, ten o potencial de converterse nun modelo de economía circular. Isto levou á industria a fixarse o ambicioso obxectivo de lograr a circularidade total para 2050.
Aínda que o sector do aluminio segue avanzando con determinación cara a un futuro máis sostible, lograr unha verdadeira economía circular esixirá esforzos colectivos, innovación en infraestruturas de reciclaxe e o apoio decidido das políticas nacionais.
Fonte: Metal Packaging Europe
Imaxe: Pixabay