- Disto deixouse constancia no 15º Congreso Nacional de Reciclaxe de Papel, organizado por Repacar (Asociación Española de Recicladores Recuperadores de Papel e Cartón) baixo o lema “Xerando valor, liderando o cambio”
- Manuel Fernández, presidente de Repacar, fixo fincapé na necesidade “dun esforzo coordinado entre o sector e as administracións para aclarar as normativas e reducir a carga burocrática, facilitando así a operativa nun contexto cada vez máis regulado”
Cerceda, a 6 de decembro de 2024.- Segundo os datos presentados no 15º Congreso Nacional de Reciclaxe de Papel, organizado por Repacar baixo o lema “Xerando valor, liderando o cambio”, o pasado ano recuperáronse en España 4.241.000 toneladas de papel e cartón, o que representa un 73,2% do total consumido e un incremento do 3,7% respecto do ano anterior, situándose así como a principal materia prima para a produción de novos papeis e cartóns en España, cunha porcentaxe do 79,8%.
No transcurso do encontro, que tivo lugar días atrás no Palacio de Linares-Casa de América de Madrid, e no que participaron 250 profesionais do sector, debatéronse as tendencias, desafíos e oportunidades desta industria. Neste marco, Manuel Fernández, presidente de Repacar (Asociación Española de Recicladores Recuperadores de Papel e Cartón), fixo fincapé na necesidade “dun esforzo coordinado entre o sector e as administracións para aclarar as normativas e reducir a carga burocrática, facilitando así a operativa nun contexto cada vez máis regulado”.
Neste sentido, Cristina Vázquez, CEO de TEIMAS, profundou nos desafíos do novo Regulamento Europeo de Traslado de Residuos, a última actualización normativa da UE que afecta o sector e que presenta aínda moitos interrogantes, malia que empezará a ser de obrigado cumprimento a partir de maio de 2026.
Pola súa banda, e segundo o analista de Fastmarkets, Alejandro Mata, prevese que a demanda global de papel e cartón recuperado seguirá crecendo, impulsada pola expansión da capacidade de produción de papel e cartón a base de fibra reciclada, coa particularidade de que os principais exportadores, como América do Norte, Europa e Xapón, utilizarán máis papel e cartón recuperado a nivel doméstico e terán unha cantidade limitada para exportar. Neste escenario, Asia podería enfrontar desafíos para atopar suficiente papel e cartón recuperado que apoie a súa crecente demanda.
Outro dos puntos álxidos do congreso foi o debate sobre o Fin da Condición de Residuo, contando para isto con relatores tales como Philippe Doliger, de EuRIC; Francesco Sicilia, de UNIRIMA; Emma de Pierrepont, de Paprec Group; e Ignacio Bañeres, de AENOR, quen destacou a importancia dunha normativa europea harmonizada.
O peche do congreso veu da man da directora xeral de Repacar, Gloria Lázaro, quen remarcou a importancia de fortalecer aínda máis nosas conexións como sector. “A colaboración, non só entre os actores da cadea de valor do papel e cartón, senón tamén con outros sectores, é o que marcará a diferenza na nosa capacidade para afrontar retos”.
Sobre Repacar
A Asociación Española de Recicladores Recuperadores de Papel e Cartón, Repacar, representa e defende desde 1968 os intereses das empresas do sector da industria da recuperación e reciclado de residuos de papel e cartón en España, e traballa para promover o coñecemento, a competitividade e a sostibilidade do sector, reivindicando medidas que outorguen un marco estable para as empresas.
Tamén impulsa a mellora da cantidade e calidade dos materiais reciclados e o seu mercado, apostando pola desincentivación da vertedura de residuos reciclables e polo fomento dos mercados globais de materias primas secundarias.
Fonte: REPACAR
Imaxe: Pixabay