- Científicos do Laboratorio Nacional Lawrence Berkley do Departamento de Enerxía de Estados Unidos, xestaron un plástico de última xeración que podería reciclarse múltiples veces e converterse en novos materiais.
- A modo de xogo de Lego, desmontaríase nas súas partes constituíntes a nivel molecular e volveríase a ensamblar nunha forma, textura e cor diferentes, unha e outra vez, sen perda de cualidades nin rendemento.
- Este achado abre a porta á concepción de plástico circular cuxos monómeros orixinais poden recuperarse para a súa reutilización durante o maior tempo posible ou ben reciclarse para facer un novo produto de maior calidade.
Cerceda, a 23 de maio de 2019.- Dado o complexo proceso de reciclado dalgunhas tipoloxías de plásticos debido á súa composición (aditivos, colorantes, recheos ou retardadores de chama), científicos do Laboratorio Nacional Lawrence Berkley do Departamento de Enerxía de Estados Unidos, xestaron un plástico de última xeración que podería reciclarse múltiples veces e converterse en novos materiais de diferentes formas e cores.
O plástico reciclable, concibido como un xogo de Lego, podería desmontarse nas súas partes constituíntes a nivel molecular e volverse a ensamblar nunha forma, textura e cor diferentes, unha e outra vez, sen perda de cualidades nin rendemento. Deste novo material, denominado pol (dicetoenamina) ou PDK, fíxose eco a revista Nature Chemistry.
Os plásticos están formados por moléculas grandes chamadas polímeros que se compoñen de unidades repetitivas de compostos máis curtos que conteñen carbono, que son os monómeros. A xuízo dos investigadores, o problema que incumbe a moitos plásticos é que os produtos químicos agregados para facelos útiles, como son os recheos que os dotan de dureza ou os plastificantes que lles dan flexibilidade, están estreitamente unidos aos monómeros e permanecen no plástico logo de ser recuperados.
A diferenza dos plásticos convencionais, os monómeros PDK poderían recuperarse e liberarse de calquera aditivo composto mergullando o material nunha solución altamente aceda. O ácido axuda a romper as ligazóns entre os monómeros e sepáraos dos aditivos químicos que dan aparencia e sensación ao plástico.
Os investigadores sinalan que os monómeros PDK recuperados poden transformarse en polímeros e estes formar novos materiais plásticos sen herdar a cor ou outras características do material orixinal.
Este achado abre a porta á concepción de plástico circular cuxos monómeros orixinais poden recuperarse para a súa reutilización durante o maior tempo posible ou ben reciclarse para facer un novo produto de maior calidade.
Os investigadores tamén pretenden desenvolver plásticos PDK cunha ampla gama de propiedades térmicas e mecánicas para aplicacións tan diversas como téxtiles, impresión 3D e espuma, buscando igualmente expandir as formulacións incorporando materiais de orixe vexetal e outras fontes sostibles.
Fundado en 1931, os científicos do Laboratorio Nacional Lawrence Berkeley foron recoñecidos con distintos premios.
Fonte: Berkeley Lab
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación