- É un dos 25 centros que este curso académico participan no programa Recíclate con Sogama 2019-2020.
- Raquel Castro, profesora coordinadora, fíxose eco das particularidades deste colexio, no que conviven alumnos e alumnas con discapacidade motora e espectro autista, atopando no medio ambiente unha excelente vía para a súa integración.
- Durante a celebración da Semana do Clima propuxéronse recoller todos os residuos plásticos xerados no colexio e elaborar cos mesmos unha escultura cuxo fin era precisamente espertar conciencias.
- A partir de aí introduciron modificacións nos envases das merendas a fin de facelas máis sostibles, e intensificaron o seu traballo na reciclaxe, coa axuda dos pais.
- Un proxecto que, a xuízo de Castro, xa non ten retorno, enfilando a Fonte Escura o camiño cara á sostibilidade.
Cerceda, a 10 de marzo de 2020.- O CEIP Fonte Escura de Vigo é un dos 25 centros que este curso académico participa no programa Recíclate con Sogama 2019-2020. En declaracións a Radio Voz, a profesora coordinadora desta iniciativa no colexio, Raquel Castro, destacou o entusiasmo co que abordaron no seu momento esta iniciativa, enmarcada no Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
Non obstante, tal e como sinalou, os cimentos xa estaban asentados, toda vez que a inquietude da comunidade educativa respecto á protección do medio ambiente, a loita contra o cambio climático e a reciclaxe de envases plásticos viña de outrora.
Fíxose eco das particularidades deste centro, no que conviven alumnos e alumnas con discapacidade motora e espectro autista, atopando no medio ambiente unha excelente vía para a súa integración co resto de compañeiros.
O proxecto arrincou coa celebración, a principios de curso, da Semana do Clima, momento no que se propuxeron recoller todos os residuos plásticos xerados no colexio e elaborar cos mesmos unha escultura cuxo fin era precisamente espertar conciencias sobre a inxente cantidade de refugallos deste material que se producen cada día.
A partir de aí, tal e como explicou Castro, introduciron modificacións nas merendas, promovendo o uso de bolsas de tea, tuppers, en detrimento do papel de aluminio, e botellas de auga recargables, en lugar das de usar e tirar.
De forma paralela, e utilizando recursos didácticos aportados no marco do programa “Recíclate con Sogama”, avanzaron na clarificación de conceptos vinculados á xestión sostible dos residuos (redución, reutilización e reciclaxe) e, con materiais de refugallos, elaboraron paneis sensoriais, coches de madeira, cociniñas de xoguete para os pequenos de infantil, casetas e comedeiros para paxaros, hoteis para insectos, etc.
A recuperación da materia orgánica xerada no comedor escolar tamén constitúe un hábito diario. Utilizando o composteiro subministrado no seu momento por Sogama, obteñen un compost de alta calidade que logo aplican na súa horta ecolóxica.
A participación deste centro en Voz Natura, xunto coas actividades desenvolvidas no marco do programa Recíclate con Sogama, supuxo un antes e un despois, logrando que a comunidade educativa se implicase de forma excepcional na reciclaxe.
Esta dinámica, tal e como sinalou Raquel Castro, non ten marcha atrás. O CEIP Fonte Escura enfilou o camiño cara á sostibilidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación