- Así o manifestou o Tribunal de Contas Europeo, que apunta á necesidade de clasificar e rastrexar axeitadamente este tipo de refugallos para evitar un tratamento inapropiado e os atallos ilegais
- Se ben a eliminación só debería utilizarse como último recurso, máis do 50% dos residuos perigosos séguese a eliminar
Cerceda, a 18 de xaneiro de 2023.-A cantidade de residuos perigosos non parou de crecer desde 2004 e, neste marco, o Tribunal de Contas Europeo publicou unha análise a través do cal insta a mellorar a clasificación, garantir a rastrexabilidade, aumentar a reciclaxe e combater o tráfico ilegal destes refugallos, que continúa a ser un negocio lucrativo.
Tal e como sinalou Eva Lindström, Membro do Tribunal responsable da análise, "A xeración de residuos perigosos vai en aumento e a UE ten que facer fronte a este problema", ao que engadiu que "os tratamentos preferibles para os residuos perigosos son a reciclaxe e a valorización enerxética. A eliminación só debería utilizarse como último recurso. Con todo, máis do 50 % dos residuos perigosos séguese eliminando sen máis. Nesta análise, mostramos que a prevención e o tratamento dos residuos perigosos segue sendo un desafío, pero tamén presenta oportunidades".
FREAR A PRODUCIÓN
Malia o plan de acción promovido pola UE para frear a produción de residuos perigosos e o intento de influír na forma na que os operadores económicos deseñan e fabrican os produtos, en facer responsables dos seus residuos aos contaminadores e en proporcionar aos consumidores unha mellor información, a cantidade de refugallos perigosos xerados non diminúe. Estes deben deben ser sometidos a tratamentos especializados desde o máximo respecto ás normas e aos estritos requisitos de seguridade.
A carga administrativa resultante e os maiores custos para os operadores fan que estes non declaren os residuos xerados como perigosos e, no seu lugar, os vertan ou trasladen ilegalmente a outro lugar. Os auditores subliñan que clasificalos e rastrexalos axeitadamente podería axudar a evitar un tratamento inapropiado e atallos ilegais.
DAR UNHA SEGUNDA VIDA
Se ben os residuos perigosos deberían ser preparados para a reutilización ou reciclaxe, o certo é que moitos non son aptos para a súa reutilización e a reciclaxe resulta limitada por dificultades técnicas e a falta de oportunidades comerciais para os produtos. Ao respecto, os auditores sinalan que a mellora das tecnoloxías e da capacidade de reciclaxe ofrecería oportunidades: a recuperación de materias primas fundamentais dos aparellos electrónicos e outros residuos contribuiría á autonomía estratéxica da UE.
O uso da dixitalización para rastrexar mellor os residuos perigosos e loitar contra as declaracións falsas, así como un mecanismo de sancións máis disuasorio, podería limitar as posibilidades de tráfico ilegal.
Fonte e imaxe: Tribunal de Contas Europeo