- Os educadores de Sogama impartirán mañá varias sesións formativas dirixidas a 150 alumnos/as deste centro, aos que se explicará a importancia de xestionar correctamente os residuos urbanos para minimizar a contaminación ambiental e loitar contra o cambio climático.
- Ademais de desgranar o principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), darase a coñecer a actividade de Sogama e a súa contribución á economía circular.
Cerceda, a 9 de decembro de 2019.- Os educadores de Sogama regresan mañá a Ourense, 10 de decembro, para impartir varias sesións formativas no CEIP Luís Vives. Os destinatarios das mesmas serán 150 alumnos/as de 4º, 5º e 6º de Primaria, aos que se explicará a importancia de xestionar correctamente os residuos urbanos para minimizar a contaminación ambiental e loitar contra o cambio climático.
Son varias as temáticas que figuran en axenda, cobrando protagonismo a redución, a reutilización e a reciclaxe como xestos básicos cos que contribuír á axeitada xestión dos refugallos. Neste sentido, proporcionaranse as claves para levar a cabo un consumo responsable, para minimizar a produción de lixo en orixe e para separar correctamente os materiais e depositalos nos contedores correspondentes a fin de propiciar a súa posterior reciclaxe.
Explicarase tamén a actividade de Sogama, centrada en dúas fraccións de residuos (bolsa amarela e bolsa negra) e detallarase o percorrido de cada unha delas ata que son convertidas en recursos. No primeiro caso (bolsa amarela), e unha vez clasificados en Sogama os materiais que a compoñen, estes son remitidos aos centros transformadores, onde se converten en novos produtos propiciando un notable aforro de enerxía e materias primas.
No segundo caso (bolsa negra), e unha vez seleccionada a parte reciclable, o resto convértese nun combustible derivado de residuos (CDR) que se pon en valor mediante a súa transformación en enerxía eléctrica. De feito, Sogama produce a día de hoxe o equivalente ao 12% da electricidade consumida nos fogares galegos.
Trátase de secuencias que, baixo o principio xerárquico de xestión de residuos que propugna a Unión Europea, deben ser cumpridas, relegando a último lugar o vertedoiro por ser a opción menos desexable dado o seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación