- Co aumento das vendas, tamén se incrementan os residuos xerados, especialmente caixas, paquetes, bolsas e envoltorios de papel e cartón, cuxo destino debe ser o contedor azul.
- Durante o obrigado confinamento do pasado mes de marzo, o comercio electrónico creceu nun 74% e os expertos auguran que, en tan só 3 anos, pasará a representar o 20% fronte ao 8% previo ao impacto do COVID-19.
- Para que o proceso de reciclado poida facerse de xeito óptimo, a calidade do material recuperado resulta clave, cobrando gran importancia a colaboración cidadá mediante a correcta separación de refugallos en orixe.
Cerceda, a 25 de novembro de 2020.- O vindeiro venres, 27 de novembro, celébrase en moitos establecementos o Black Friday, unha data que incita ao consumo. Co Nadal á volta da esquina, son moitas as persoas que aproveitan as ofertas e descontos propios deste día para adiantar as súas compras.
Co maior número de vendas, tamén se incrementan os residuos xerados, sendo o papel e cartón dos envoltorios, bolsas e embalaxes, un dos materiais que crece exponencialmente. Estímase que, nesta ocasión, o aumento será aínda máis notable debido á proliferación das compras online con motivo da crise sanitaria orixinada polo COVID-19.
De feito, durante o obrigado confinamento do pasado mes de marzo, o comercio electrónico incrementouse nun 74%, chegando a incluír a segmentos de poboación que ata entón non eran habituais, como é o caso dos maiores de 54 anos. Novas tendencias de consumo aceleraron a dixitalización, ata nos pequenos establecementos, que tiveron que dar o salto á contorna online para poder proseguir coa súa actividade. Os expertos sinalan que, en tan só 3 anos, o comercio electrónico pasará a representar o 20% fronte ao 8% previo ao impacto da pandemia.
Para que o proceso de reciclado se poida levar a cabo deforma óptima, a calidade do material recuperado resulta clave, cobrando vital importancia a colaboración cidadá a fin de que a porcentaxe de impropios sexa a menor posible. É por iso que:
- No contedor azul unicamente debe depositarse papel e cartón en bo estado, materiais 100% reciclables. Os panos ou papeis de cociña usados non poden introducirse neste recipiente, sendo o seu destino o da fracción resto. O mesmo sucede cos briks, que corresponden ao contedor amarelo. Unha confusión que adoita ser bastante común entre a cidadanía.
2. .Para evitar a saturación dos contedores azuis é importante que as caixas se preguen e non depositar nos mesmos residuos en datas clave como pode ser o día de Nadal.
REPACAR recorda que a reciclaxe de residuos é clave para dar o paso definitivo a un modelo económico e social máis xusto e sostible, contribuíndo a industria do papel e cartón á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Fonte: REPACAR
Imaxe: Pixabay