- Con esta iniciativa, a empresa pública pretende contribuír ao cumprimento dos esixentes obxectivos europeos de reciclaxe establecidos para os próximos anos e avanzar así cara a un modelo de desenvolvemento sustentado na economía circular
- Conformada por un folleto en liña e un vídeo explicativo de reforzo, a campaña incide na aplicación diaria, por parte da cidadanía, do principio dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar), á vez que describe a operativa loxística e o tratamento que recibe cada fracción de residuos
- Na mesma, o contedor marrón, en proceso de implantación, adquire especial protagonismo, xa que posibilita a transformación da materia orgánica en compost e serve de complemento á compostaxe doméstica no caso das vivendas unifamiliares con terreo
Cerceda, a 15 de xuño de 2023.-Tendo en conta que os obxectivos europeos de reciclaxe apreman e que a xestión sostible dos residuos municipais constitúe un dos mellores antídotos para loitar contra o cambio climático, Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, lanza unha nova campaña que, baixo o título “Reciclaxe Responsable para un futuro Redondo”, oriéntase a lograr unha maior colaboración e participación da poboación.
Os tres erres na súa máxima expresión
A iniciativa está conformada por dous elementos básicos: un folleto en liña, moi visual, de fácil comprensión e asequible para todo tipo de público, no que se describen os pasos a seguir polos cidadáns para participar activamente no sistema, e un vídeo explicativo de reforzo que abunda nos conceptos máis relevantes da sostibilidade aplicada a residuos, dando visibilidade ás boas prácticas.
O obxectivo de ambos os dous soportes é que os veciños dos 295 concellos adheridos a Sogama dispoñan da información necesaria para achegar o seu gran de area na consecución dun futuro máis sostible e un modelo de economía circular cara ao que Galicia avanza con firmeza.
Así, a campaña incide na importancia de aplicar cada día o principio dos tres erres, isto é, reducir a cantidade de residuos producidos, reutilizar os produtos tantas veces como sexa necesario antes de que acaben convertidos en refugallos, e reciclar, resultando imprescindible separar correctamente en orixe os materiais contidos no lixo e depositar cada tipoloxía no contedor correspondente para propiciar o seu posterior reciclado. Deste xeito, non só se lograrán beneficios ambientais a través do aforro de enerxía e de materias primas, senón tamén económicos.
Cada residuo no seu contedor
Con tal fin, clarifícanse os residuos que deben -e non deben -introducirse en cada un dos contedores de recollida selectiva habilitados na vía pública (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; e xenérico, para a fracción resto), dando especial relevancia ao marrón, o último en incorporarse ás rúas e que xa se está a implantar en distintos municipios (lembremos que, conforme á normativa europea, estes dispoñen de prazo ata o próximo 31 de decembro). A través deste recipiente recóllese, de forma diferenciada, a materia orgánica para ser transportada á planta de biorresiduos máis próxima, onde se converte en compost, un abono de alta calidade que se utilizará posteriormente no sector da agricultura e a xardinería.
Pero a campaña non se limita á propia recollida selectiva dos residuos, senón que tamén fai referencia á operativa que segue cada fracción para ser recuperada conforme ás súas características e identifica os erros máis comúns nos que incorren os cidadáns para solventalos, facéndose eco ao mesmo tempo dunha serie de curiosidades que poden motivar unha maior participación individual e colectiva. Por exemplo, e segundo datos de Ecoembes, que con 6 briks pódese fabricar unha caixa de zapatos; con 40 botellas de plástico, un forro polar; con 80 latas de bebidas, unha llanta de bicicleta; con 8 botes de conserva, unha pota de cociña; con 22 botellas plásticas, unha camiseta; e con 550 latas, unha cadeira.
Consolidación da compostaxe doméstica
Tamén se enxalzan os beneficios da compostaxe doméstica, xa que, neste caso, os restos orgánicos xerados nas vivendas unifamiliares con terreo transfórmanse en abono que logo se aplica nos seus propios cultivos e xardíns, pechando así o circuíto de recuperación desta fracción, que regresa ao solo para dar unha nova vida, exemplificando así o verdadeiro ciclo da natureza.
Neste sentido, cabe lembrar que Sogama lidera en Galicia un programa de compostaxe doméstica ao que están adscritas 449 entidades (224 concellos, 193 centros educativos e 32 colectivos sociais) entre as que distribuíu, de forma gratuíta, preto de 20.500 compostadores, ademais de editar diverso material didáctico de apoio e impartir a formación correspondente aos colectivos participantes.
Corresponsabilidade
O cumprimento dos esixentes obxectivos europeos de reciclaxe para os próximos anos (55% en 2025, 60% en 2030 e 65% en 2035) implícanos a todos, administracións, empresas e cidadáns. Estamos ante unha carreira contrarreloxo na que todos, sen excepción, debemos asumir a nosa responsabilidade. O planeta necesita curar feridas e unha das mellores formas de que cicatricen é evitar a continua extracción de recursos naturais. A economía circular eríxese na verdadeira táboa de salvación.
Máis información en https://www.sogama.gal/gl/reciclaxe-responsable-para-un-futuro-redondo
Saúdos, Departamento de Comunicación