- Artigo do presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, con motivo do Día Internacional da Reciclaxe 2021.
Mañá, 17 de maio, ademais de celebrar o Día das Letras Galegas, conmemórase o Día Internacional da Reciclaxe. A primeira efeméride forma parte do ADN da nosa comunidade e, a segunda, cobra nesta ocasión máis protagonismo que nunca, xa que os índices de reciclaxe no territorio galego seguirán subindo grazas á maior colaboración cidadá e á rede de infraestruturas industriais deseñada pola Xunta de Galicia, da man de Sogama, para propiciar que os concellos teñan acceso ao servizo de valorización da materia orgánica e, desta forma, poidan dar debido cumprimento aos obxectivos europeos na xestión sostible dos residuos urbanos.
A elevada dispersión da poboación galega esixe un esforzo titánico á hora de prestar servizos públicos, e o correcto tratamento do lixo non é unha excepción. Se ben a xestión dos refugallos constitúe unha competencia municipal, debendo os entes locais articular os mecanismos necesarios no marco da lexislación vixente, a Xunta xa definiu unha operativa única na que, ademais de dotar a Galicia de novas infraestruturas, aproveitará outras existentes para ampliar os seus servizos.
Refírome ás tres novas plantas de biorresiduos que Sogama construirá, e xestionará posteriormente, e que se sumarán á xa operativa en Cerceda, así como ás públicas e privadas que agora estean en funcionamento ou poidan estalo no futuro.
Os municipios de Vilanova de Arousa (Pontevedra), Cervo (Lugo) e Verín (Ourense) acollerán estas tres instalacións, das que tamén farán uso as localidades que se atopen no seu radio de acción. Para o resto dos concellos, e co fin de que conten coas mesmas oportunidades, Sogama porá á disposición 13 plantas de transferencia que desempeñarán un papel fundamental na loxística da valorización da materia orgánica para a súa transformación en compost.
O plan de acción, ao que se destinará un investimento de 35 millóns de euros, contempla tamén a construción de 6 novas plantas de transferencia, das cales 5 substituirán a outras tantas microplantas, dotándoas de maior tamaño e prestacións (Curtis, Riotorto, A Lama e A Cañiza); e a sexta reemprazará á que está a funcionar en Cee, concretamente no Monte do Son, situándose no polígono industrial desta localidade.
Así mesmo, procederase á adaptación doutras 7 plantas de transferencia mediante a incorporación ás mesmas dunha nova tolva para o transvase da fracción orgánica recollida a través do quinto colector, de cor marrón, que os entes locais deberán implantar antes do 31 de decembro de 2023.
Con isto propiciarase que 280 concellos, dos 295 adscritos a Sogama, poidan disporñer dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia, coa particularidade de que o Concello de Ribeira, que se atopa a unha distancia maior, solventará esta limitación coa posta en marcha da súa propia planta de transferencia. Nos 14 municipios restantes, de pequeno tamaño todos eles, sería suficiente con implantar a compostaxe doméstica e/ou comunitaria.
Esta rede de infraestruturas industriais chega logo de que a capacidade do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda se vira incrementada ata 1 millón de toneladas anuais coa posta en marcha dunha nova planta, que opera en liña coa industria 4.0, para a recuperación dos materiais reciclables contidos no lixo en masa e a remodelación da antiga planta de Reciclaxe, Tratamento e Elaboración de Combustible.
Agora ben, alcanzar os obxectivos de reciclaxe impostos pola Unión Europea esixe a colaboración da poboación. As ferramentas tecnolóxicas axudan, pero serán infrutuosas se os cidadáns non separan correctamente os residuos en orixe e non os introducen no contedor correspondente. É o momento de que a sociedade supere algúns prexuízos que parecen seguir arraigados, así como una certa desconfianza cara á reciclaxe.
Os recursos son finitos, o planeta está a dar sinais de esgotamento e non podemos permitir que a economía lineal, propia das malas prácticas de usar e tirar, siga campando ás súas anchas. Avanzar cara a un modelo de desenvolvemento circular resulta esencial para garantir o noso benestar, así como o futuro dos nosos fillos e as seguintes xeracións.
Reciclar significa aproveitar o potencial dos produtos que culminaron a súa vida útil para transformalos noutros que retornen ao sistema comercial con novas prestacións. Este proceso permite aforrar materias primas virxes e enerxía, protexer o medio ambiente e tamén crear postos de traballo.
Confiemos en que o Día da Reciclaxe nos inspire alomenos a reflexionar sobre o que todos e cada un de nós estamos a facer ou o que deberiamos facer para contribuír a un mundo mellor. E preguntémonos, é suficiente?
Javier Domínguez Lino
Presidente Executivo de Sogama