- Desde hai anos, e baixo a dirección do profesor Gonzalo Sánchez Busóns, veñen desenvolvendo un programa específico de recollida de cabichas en distintos ámbitos e mesmo manifestacións nas que piden fervientemente evitar este residuo
- Segundo a OMS, unha cabicha tarda preto de 10 anos en desintegrarse e pode chegar a contaminar ata 50 litros de auga potable
Cerceda, a 6 de xuño de 2024.- Os efectos do tabaco na saúde das persoas son xa abondo coñecidos, pero os seus residuos e o impacto ambiental que xera constitúe outra das súas negativas consecuencias. As cabichas continúan a ser un dos refugallos máis frecuentes nas contornas naturais e urbanas. O nocivo xesto de lanzalas ao chan en lugar de a unha papeleira ou a un contedor de resto, está a orixinar serios problemas para os sistemas de recollida, dado o seu pequeno tamaño, así como para o propio medio ambiente.
Os Ecovixiantes sábenno ben e, desde hai anos, e baixo a dirección do profesor Gonzalo Sánchez Busóns, do colexio Divina Pastora-MM Franciscanas de Ourense, veñen desenvolvendo, entre outros moitos programas, un específico de recollida de cabichas en distintos ámbitos, así como eventos e mesmo manifestacións nas que piden fervientemente evitar este residuo.
Recoller cabichas supón un esforzo físico e postural importante, ademais dun traballo ao que deben dedicarse grandes doses de paciencia, atributo que cotiza á alza no caso dos Ecovixiantes. Cada cabicha é introducida nunha botella plástica reutilizada e enchela supón moito tempo de dedicación.
O seu labor debería ruborizar a moitos. Eles non desisten. Confían nun mundo mellor. A educación e o seu exemplo constitúen o mellor antídoto contra a desidia e a irresponsabilidade.
Datos a ter en conta
Segundo a OMS (Organización Mundial da Saúde), unha cabicha tarda preto de 10 anos en desintegrarse. É o tempo que lle leva aos máis de 7.000 químicos tóxicos que contén en filtrarse nos ecosistemas.
Cada ano o tabaco xera, en todas as súas etapas, preto de 25 millóns de toneladas métricas de refugallos e aproximadamente 4,5 billóns de filtros son refugados. O 65% deles, de maneira inadecuada, contaminando praias, ríos, zonas verdes, bosques etc.
Case todos os cigarros do mercado incorporan un filtro de acetato de celulosa, unha substancia que se degrada moi lentamente e que libera microplásticos nos ecosistemas. Ademais, e tamén segundo a OMS, cada cigarro emite 14 gramos de CO2 desde a súa etapa de cultivo á súa eliminación. O fume do tabaco contén tres tipos de gases de efecto invernadoiro que contaminan o aire interior e exterior: dióxido de carbono, metano e óxidos de nitróxeno.
Tirar unha cabicha pode contaminar ata 50 litros de auga potable, xa que o filtro conserva a maioría da nicotina e o alcatrán do cigarro. Cando as cabichas acaban no mar, o problema multiplícase. A nivel mundial, estímase que preto de 5 billóns de cabichas chegan cada ano aos océanos, con graves efectos e risco toxicolóxico.
Saúdos, Departamento de Comunicación