- Representa un crecemento de 2 puntos porcentuais en comparación con 2018.
- Os países nórdicos lideran a clasificación, con taxas próximas ao 100%, mentres que España sitúase por riba da media europea, cun 80%.
Cerceda, a 3 de decembro de 2021.- Segundo datos publicados por Close the Glass Loop, a recollida para a reciclaxe de envases de vidro da UE28 incrementouse ata a taxa media récord do 78% en 2019, representando un crecemento de 2 puntos porcentuais en comparación con 2018, o que demostra que a cadea de valor dos envases de vidro está a cumprir a súa ambición de economía circular.
O obxectivo de Close the Glass Loop (iniciativa que aglutina á cadea de valor europea de recollida e reciclaxe de vidro) é lograr a recollida de envases de vidro posconsumo do 90% para 2030 e garantir que estes se reciclen no propio circuíto de produción de vidro para envases. A gran maioría dos 13,7 millóns de toneladas recollidas vólvense a fundir para fabricar novas botellas e tarros.
Noruega, Suecia e Finlandia, xunto con Bélxica e Suíza, lideran a clasificación de recollida para a reciclaxe con taxas próximas ao 100%. Pola súa banda, España sitúase por riba da media da UE, cunha taxa do 80%,
« A taxa récord de recollida de vidro para a súa reciclaxe, do 78%, demostra que os nosos ambiciosos obxectivos poden alcanzarse cunha estreita cooperación entre todos os axentes da cadea de valor, compartindo as mellores prácticas sobre modelos de recollida innovadores e adaptados, clasificación de alta calidade e campañas de comunicación para os consumidores», afirma Joachim Quoden, director xeral de EXPRA (Estendede Producer Responsibility Alliance).
«O vidro é un material permanente que pode reciclarse infinitamente en novos envases. Canto máis vidro se recolla de forma selectiva, mellor será a súa calidade para que se poida producir máis vidro reciclado e incorporalo á fabricación de novos envases de vidro», afirma Marine Ronquetti, secretaria xeral de FERVER (Federación Europea de Recicladores de Vidro).
Para a cadea de valor de recollida e reciclaxe de vidro, resulta prioritario que o 22% restante dos envases de vidro se volva poñer no circuíto.
SOBRE CLOSE THE GLASS LOOP
Close the Glass Loop é unha iniciativa que reúne á cadea de valor europea de recollida e reciclaxe de vidro. Conta co respaldo de 11 plataformas nacionais para aumentar a cantidade e a calidade do vidro reciclado dispoñible, de modo que as persoas non só reciclen, senón que reciclen máis e mellor.
Fonte: Close the Glass Loop
Imaxe: Ecovidrio