- Ecopilas recolleu o pasado ano un total de 63.385 quilos nos preto de 5.000 contedores que ten instalados en distintos centros educativos españois.
- A través da campaña “Acolle un contedor”, os centros que así o desexen poden solicitar un recipiente específico para a recollida de pilas.
- A entidade vén desenvolvendo interesantes campañas escolares en colaboración con distintas comunidades autónomas. É o caso de “Pilabot” en Galicia, que permitiu a recollida de 44.000 quilos de pilas en centros escolares.
Cerceda, a 22 de abril de 2019.-A fundación medioambiental Ecopilas recolleu o pasado ano un total de 63.385 quilos de pilas usadas nos preto de 5.000 contedores que ten instalados en distintos centros educativos españois. Esta cifra representa un incremento do 10% sobre as cantidades recollidas no ano 2017 e corrobora o importante papel que os escolares veñen desempeñando na reciclaxe deste material.
A rede de contedores que Ecopilas ten en centros de educación infantil, primaria e secundaria, universidades, escolas de vela e conservatorios de música representa o 6% dos máis de 35.000 cos que conta en toda España, tanto en edificios públicos como en grandes superficies e establecementos comerciais.
Os centros educativos que queiran dispoñer dun contedor de pilas poden sumarse á campaña “Acolle un contedor”, procedendo á solicitude do mesmo mediante o envío dun formulario.
Ademais do recopilador de pilas, a organización envía aos colexios diverso material didáctico sobre a utilidade das pilas, o seu funcionamento, tipoloxías e compoñentes, así como os beneficios ambientais que entraña o seu reciclado, prevendo este ano impartir talleres formativos en centros de todo o país. E todo isto complementado coas campañas informativas e de sensibilización que leva a cabo en colaboración coas distintas comunidades autónomas a fin de incrementar a receptividade e concienciación dos pequenos e mozos sobre as bondades do reciclado de pilas.
De forma paralela, desenvolve outras iniciativas de gran repercusión tales como “Apilo XI”, que en Cataluña aglutinou a participación de 919 centros, recollendo 56.000 quilos de pilas; “Berto Zampapilas”, desenvolvida na Comunidade Valenciana, con 26.000 quilos recollidos; e “Pilabot”, cunha gran repercusión en Galicia e a través da cal se recolleron 44.000 quilos de pilas.
Fonte: www.interempresas.net
Imaxe e información: www.ecopilas.es
Saúdos, Departamento de Comunicación