- En 2021, os españois depositaron nos iglús verdes máis de 884.000 toneladas de envases de vidro, o que equivale a case 19 kg por habitante ou 64 envases por persoa, alcanzando cifras similares ás de 2019
- O noso país conta con 240.302 iglús verdes repartidos por toda a xeografía española, case 5.000 máis que en 2020
- Cos residuos de envases de vidro que se recuperaron, España evitou a emisión de CO2 equivalente a dar 140 veces a volta ao mundo en avión
Cerceda, a 28 de febreiro de 2022.- A pesar de que o ano pasado non se recuperou con plena normalidade a actividade económica e seguíronse producindo restricións que afectaron en maior medida á hostalería, a recollida selectiva de envases de vidro a través do iglú verde incrementouse un 5% respecto a 2020, por riba do incremento de consumo estimado destes envases (+2%).
Trátase dun resultado moi positivo nun contexto de incerteza que demostra que a separación dos envases de vidro continúa en ascenso en España e que se trata dun hábito consolidado entre a cidadanía e profesionais hostaleiros.
De feito, superáronse as 884.000 toneladas recuperadas, o que equivale a case 19 Kg por habitante ou 64 envases por persoa, o que sitúa a recollida en niveis prepandemia.
En 2021, en España, depositáronse no iglú verde máis de 8 millóns de envases ao día e máis de 5.700 envases por minuto. O noso país conta con 240.302 iglús repartidos por toda a xeografía española, case 5.000 máis que en 2020.
Ademais de todo o vidro depositado nestes contedores – actividade prioritaria para Ecovidrio pola súa eficiencia e sustentabilidade - complementariamente recuperáronse 66.502 toneladas de vidro a través de plantas de tratamento de residuos urbanos. Isto é, envases que non foron correctamente separados en orixe e acabaron no contedor da fracción resto. Desta forma se puido recuperar parte do material e reincorporalo ao ciclo produtivo para fabricar novos envases.
Segundo os últimos datos oficiais emitidos polo MITERD (relativos a 2019), a taxa de reciclaxe en España sitúase nun 79,8%. Ecovidrio comprometeu un Plan Estratéxico que superará os obxectivos de reciclaxe que esixe a Unión Europea, pretendendo recoller en 2025 ata o 90% do vidro que se pon no mercado.
CANLE HORECA, UNHA PRIORIDADE
A hostalería xera máis da metade dos residuos de envases de vidro que se poñen no mercado, polo que este sector constitúe unha das prioridades estratéxicas de Ecovidrio e as súas maiores áreas de coñecemento.
Ecovidrio visitou só o ano pasado 96.154 establecementos repartidos por toda a xeografía e puxo en marcha case 500 campañas, a maioría da man de concellos para informar e formar aos profesionais sobre as ordenanzas municipais que establecen a obrigatoriedade de reciclaxe. Ademais, distribuíu medios gratuítos e realizou ata 51 recollidas especiais porta a porta. En total, a entidade investiu case 16 millóns de euros para facilitarlles a tarefa da reciclaxe.
A estratexia de transformación dixital de Ecovidrio contempla técnicas de Business Intelligence para a análise masiva de datos de recollida e toma de decisións sobre o terreo. Grazas á xeolocalización dos contedores, Ecovidrio analiza -case en tempo real- os datos de recollida pormenorizados por municipio, barrio, contedor e mesmo bares e establecementos hostaleiros. Todo isto permite tomar decisións sobre os seus cocientes de produtividade e planificar roteiros e campañas de mobilización de forma máis enfocada e eficiente.
BENEFICIOS AMBIENTAIS
A reciclaxe de envases de vidro é un elemento crave na loita contra o cambio climático e a descarbonización da nosa economía. Tamén é imprescindible na transición cara a un modelo de desenvolvemento máis circular e arraigado na Axenda 2030. En concreto, durante o pasado exercicio, grazas á reciclaxe de vidro, logrouse:
- Evitar a emisión de 551.320 t de CO2, unha cantidade equivalente á que se emitiría ao dar a volta ao mundo en avión 140 veces polo ecuador da Terra.
- Evitar a extración de 1.140.660 t de materias primas (area, sosa e caliza), un peso equivalente a case 113 veces o da Torre Eiffel. Xuntas, todas estas materias primas ocuparían un volume equivalente ao de 57 veces a Xiralda de Sevilla.
- Aforrar 678.884 Mwh de enerxía, equivalente ao consumo enerxético dos hospitais de toda España durante dous meses.
Fonte e imaxe: Ecovidrio