- Así se establece na nova Directiva Europea ((EU) 2018/851), que tamén obriga aos Estados Membros a establecer uns obxectivos relativos á preparación para a reutilización e á reciclaxe deste tipo de refugallos.
- O notable incremento da produción global de fibras téxtis, unido ao modelo de consumo actual, conleva a xeración de grandes cantidades de residuos cuxa reciclaxe é aínda moi baixa.
- Algunhas claves para permitir a reparación, reutilización e reciclaxe téxtil pasarían por instaurar o ecodeseño de produtos, permitindo a desmontaxe e separación por compoñentes para a súa reciclaxe.
Cerceda, a 8 de marzo de 2021.- A produción global de fibras téxtis duplicouse nos últimos 20 anos, alcanzando un máximo histórico de 111 millóns de toneladas en 2019 e mantendo previsións de crecemento para 2030.
Este aumento, unido ao modelo de consumo actual, conleva a xeración de grandes cantidades de refugallos. Con todo, a taxa de reciclaxe do residuo téxtil é moi baixa (apenas se recicla un 13% dalgunha forma despois do seu uso). Na súa meirande parte transfórmase noutros obxectos de menor valor como trapos, material illante ou de recheo, e menos dun 1% recíclase para producir nova fibra. Isto débese,principalmente a que os téxtis non se separan do resto de fraccións de residuos.
Malia que actualmente existen contedores nas vías públicas para residuos téxtiles, colocados por entidades sociais ou empresas de recuperación e valorización, a realidade é que cada municipio xestiona a criterio propio esta recollida.
A nova Directiva Europea ((EU) 2018/851) obriga aos Estados Membros a implantar a recollida selectiva de residuos téxtis antes do 1 de xaneiro de 2025, así como a establecer uns obxectivos relativos á preparación para a reutilización e á reciclaxe dos mesmos. Isto suporá un impacto para toda a cadea de valor téxtil, pois será necesario que as empresas empecen a deseñar e preparar os seus produtos para conter material reciclado e para permitir a súa reciclaxe. Estas medidas entrarán en vigor en España a través da nova Lei de Residuos
O sector debe facer fronte a importantes retos e barreiras para asegurar a reciclaxe do residuo téxtil. Un dos máis relevantes é a revalorización de mesturas de fibras dunha forma económica e ambientalmente sostible. Outra parte fundamental son os procesos de separación e clasificación que xeralmente se realizan de forma manual, supoñendo un custo e limitación para a reciclaxe.
Algunhas claves para permitir a reparación, reutilización e reciclaxe téxtil pasarían por instaurar o ecodeseño de produtos, facilitando a desmontaxe e separación por compoñentes para a súa reciclaxe.
Fonte: AITEX
Imaxe: Pixabay