- Se a esta cifra se suman as toneladas de envases de vidro recuperadas a través das plantas de residuos urbanos, España alcanzou por primeira vez o millón de toneladas recuperadas, logrando que se reintroduxeran no ciclo produtivo
- Ao longo do 2022, cada cidadán depositou no iglú verde uns 20 kg de envases de vidro, o que supón un aumento do 6,2% respecto do ano anterior
- Nun contexto de crise enerxética, a reciclaxe de vidro no noso país permitiu aforrar 723.351 MWh de enerxía, o que equivale a un aforro de 147,92 millóns de euros
Cerceda, a 24 de febreiro de 2023. – Durante o pasado ano, e segundo datos de Ecovidrio, a recollida selectiva de envases de vidro a través do iglú verde alcanzou un récord histórico, con 939.094 toneladas, un 6,2% máis que o exercicio anterior, superando as cifras de achega previas á pandemia.
En España recíclanse xa preto de 9 millóns de envases ao día e máis de 6.000 envases por minuto nalgún dos 245.761 iglús repartidos por toda a xeografía. Isto tradúcese en 19,8 kg por habitante e uns 68 envases por persoa.
Ademais de todo o vidro depositado polos cidadáns nos iglús verdes, complementariamente Ecovidrio recuperou, a través das Plantas de Residuos Urbanos, 73.720 toneladas de envases que non foron correctamente separados en orixe. Tendo en conta estas toneladas adicionais, España alcanzou por primeira vez o millón de toneladas de envases de vidro recuperadas, evitando que acabasen en vertedoiro e logrando que se reintroduxeran no ciclo produtivo.
Ao peche de 2022, as estimacións de Ecovidrio confirman que o noso país superará, e con antelación, os obxectivos de reciclaxe que establece a lexislación para 2025 (70% segundo un novo método de cálculo).
A hostalería volveu a ser, un ano máis, unha das prioridades estratéxicas de Ecovidrio. En 2022, Ecovidrio investiu máis de 26 millóns de euros para dotar de infraestruturas especiais a esta canle, facer recollidas porta a porta en zonas de gran concentración de locais, impulsar a dixitalización dos datos de recollida ou realizar tarefas de información e formación sobre o terreo, entre outros.
O futuro da reciclaxe de envases de vidro en España pasa pola análise de datos para a toma de decisións estratéxicas. Grazas ao Plan Estratéxico de Transformación Dixital que Ecovidrio despregou, a entidade conta cos datos de recollida diaria en todos os seus contedores. Ademais, aplica algoritmos matemáticos grazas a variables sociais e demográficas, que permiten calcular o potencial de incremento da recollida selectiva en pobos, cidades e ata unidades censuais. Estas capacidades tecnolóxicas permiten a Ecovidrio planificar os roteiros de recollida dunha forma óptima e eficiente, reforzar a infraestrutura de contedores en rúa ou planificar campañas de mobilización intensivas onde se necesite.
BENEFICIOS AMBIENTAIS
A reciclaxe de envases de vidro é un elemento crave na loita contra o cambio climático e a descarbonización da nosa economía. Tamén é imprescindible na transición cara a un modelo de desenvolvemento máis circular e arraigado na Axenda 2030. Neste sentido, grazas á reciclaxe de envases de vidro en 2022 no noso país, conseguiuse evitar a emisión de 587.432 toneladas de CO2, unha cantidade equivalente á que se emitiría ao dar 149 voltas ao mundo en avión polo ecuador da Terra, e aforrar 723.351 MWh de enerxía, unha cantidade equivalente a dous meses de consumo enerxético en todos os hospitais de España.
Fonte e imaxe: Ecovidrio