- Con motivo do comezo do novo curso académico, Sogama comparte algúns consellos para axudar a espertar a conciencia ecolóxica das familias e gastar menos
Cerceda, a 8 de setembro de 2023.- O mes de setembro supón un quebradeiro de cabeza para moitas familias. A volta ás aulas concentra unha boa parte dos seus recursos, pois, se xa son numerosas as tarefas ás que facer fronte, os gastos que estas supoñen non quedan á zaga. A inflación segue facendo mella e equipar aos pequenos para o seu regreso ao colexio supón un desembolso económico considerable.
A sostibilidade xoga sempre a favor, e non só na protección ambiental, senón tamén no peto de moitos pais e nais que encaran un último cuadrimestre de ano marcado polas habituais esixencias das dúas estacións do ano (outono e inverno) máis crúas: a compra de roupa de abrigo, as facturas da electricidade e os combustibles, o transporte, etc.
O inicio de curso pode ser un bo momento para espertar a conciencia ecolóxica das familias e ensinarlles a vivir de forma sostible, priorizando a práctica dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Velaquí algúns consellos:
1.- Pensa antes de comprar. Fai un inventario do que xa hai na casa e reutiliza todo aquilo que estea en bo estado ou que se poida arranxar.
2.- Rescata o que aínda sirva. Moitas veces tiramos cadernos que aínda teñen follas ou mochilas que están algo estragadas, pero que teñen arranxo. Podemos dar unha nova vida a estes materiais elaborando artesanalmente cadernos con follas sobrantes, “tuneando” estuches ou colocando parches con motivos divertidos.
3.- Compra con cabeza e de forma sostible. No caso de ter que comprar material novo, aposta por aquel que sexa sostible, de calidade e duradeiro. A longo prazo, aforrarás diñeiro.
4.- Reutiliza os libros de texto. Sabemos que non sempre é posible, pero o intercambio de libros de segunda man é a mellor maneira de aumentar a súa durabilidade. Outra opción é acudir a centros de venda de segunda man.
5.- Merendas libres de plástico. Unha das maiores fontes de refugallos nos colexios provén dos bocadillos, galletas e outros alimentos que adoitan envolverse en plástico ou aluminio. No seu lugar, aposta polos tuppers, as bolsiñas de tea de toda a vida e as botellas reutilizables para a auga ou o zume.
6.- Dálle unha segunda vida á roupa. Do mesmo xeito que os libros, os uniformes para o colexio tamén poden ser reaproveitados de irmáns maiores, coñecidos etc. Os escolares crecen rápido e, de forma permanente, necesitan roupa nova, co que isto supón a nivel de gasto ambiental e económico. Adquirir pezas de segunda man pode ser unha boa opción, coa particularidade de que, a esas idades, adoitan quedar en bo estado.
7.- Mobilidade sostible. A mellor forma de desprazarse ao colexio é camiñando ou en bicicleta. No caso de que estas opcións non resulten factibles, tenta usar o transporte público. Outra alternativa é organizar roteiros entre nais e pais para compartir coche.
8.- Alimentación saudable. Un bo almorzo resulta esencial para empezar ben o día. Froitas, verduras e legumes deben estar presentes na dieta dos escolares, evitando procesados, azucres engadidos e graxas nocivas. Alimentación variada e natural.
9.- Exercicio físico diario. É fundamental estar en forma para a saúde e o benestar en xeral, tanto para pequenos como para maiores. O exercicio en familia pode ser moi enriquecedor, contribuíndo en boa medida a estreitar os vínculos.
10.- Promove a educación ambiental. O contacto coa natureza é clave para a formación integral dos escolares. Deben gozala, pero tamén deben aprender a respectala, a coidala e a protexela. Isto contribuirá á súa educación en valores, sendo a solidariedade e a empatía algúns dos máis prezados.
Saúdos, Departamento de Comunicación