- Este sector produce anualmente un Valor Engadido Bruto de 955 millóns de euros, e xera e mantén máis de 16.500 postos de traballo, un 0,09% do total nacional.
- Como consecuencia da crecente dixitalización da sociedade, o obxectivo mínimo de recollida de RAEE establecido para 2019 (9,22 kg por habitante ou 430.600 toneladas) crecerá ata as 489.400 toneladas en 2020.
- Desde 2017, España lidera a reciclaxe deste tipo de residuos fronte á media europea, situándose 8,2 puntos porcentuais por riba desta.
- Prevese que a mobilidade eléctrica traerá consigo unha maior demanda de baterías de iones, polo que o o impulso da industria de baterías e a da súa reciclaxe perfílase como estratéxico.
Cerceda, a 21 de decembro de 2020.- Tal e como se recolle no primeiro informe anual sobre tendencias na industria da reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) e pilas elaborado por Recyclia, entidade que agrupa ás fundacións medioambientais Ecoasimelec, Ecofimática, Ecolum e Ecopilas, este sector produce anualmente un Valor Engadido Bruto (VAB) de 955 millóns de euros no noso país, o que equivale ao 0,8% do PIB. Igualmente, xera e mantén máis de 16.500 postos de traballo, un 0,09% do total nacional, coa particularidade de que, en 2019, aportou máis de 150 millóns de euros de xeito directo á recaudación fiscal do Estado, en concepto de impostos e cotizacións sociais.
Por volume de toneladas xestionadas, a contribución deste sector ao VAB é dez veces superior ao do resto de industrias de xestión de residuos do noso país debido ao maior valor relativo dos materiais contidos nos aparellos electrónicos e pilas, así como á complexidade e sofisticación dos seus procesos de tratamento.
Polo que se refire ás cifras do mercado de RAEE, o estudo sinala que, en 2019, puxéronse no mercado 900.000 toneladas de aparellos electrónicos, un 25% máis que en 2018 e un 44% máis que en 2016. Deste total, o 73% corresponde ao mercado doméstico.
Respecto da reciclaxe destes residuos, o informe describe un aumento continuado tendo en conta a crecente dixitalización da sociedade. De feito, o obxectivo mínimo de recollida establecido para 2019 (9,22 kg por habitante ou 430.600 toneladas) subirá ata as 489.400 toneladas en 2020.
A escala global, as estimacións apuntan a que en 2019 producíronse máis de 53 millóns de RAEE (12 millóns en Europa), cifra que podería achegarse aos 75 millóns de toneladas en 2030.
Desde 2017, España lidera a reciclaxe deste tipo de residuos fronte á media europea, situándose 8,2 puntos porcentuais por riba da mesma.
NOVOS MERCADOS, NOVOS DESAFÍOS
Polo que se refire ás pilas e acumuladores, o informe apunta a que en 2019 puxéronse no mercado 182.000 toneladas que representaron o 7% do total, correspondendo a maior porcentaxe (69%), a acumuladores e baterías de automoción (69%). Estes residuos destínanse prácticamente na súa totalidade á reciclaxe.
Con todo, e debido a novos mercados como o da mobilidade eléctrica, a reciclaxe doutro tipo de baterías creceu un 41%, alcanzando as 7.800 toneladas en 2018. De feito, e segundo sinala o informe, a demanda de baterías de iones de litio, usadas neste ámbito pola súa maior potencia e rendemento, aumentará a taxas anuais superiores ao 30% durante a próxima década.
Políticas como o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030, dentro do Pacto Verde Europeo, implican o desenvolvemento de tecnoloxías de almacenamento enerxético como as baterías, así como modelos de negocio que valoricen os residuos deste tipo no noso país para obter algúns dos elementos esenciais contidos nestes -dos que Europa é claramente deficitaria-, e evitar a dependencia doutros países.
A este respecto, o informe sinala que Europa só produce o 1% das materias primas esenciais para a fabricación de baterías. A demanda de litio e cobalto, no marco dos coches eléctricos, multiplicarase por 18 e por 5, respectivamente, en 2030. Neste escenario, Recyclia apunta a que o impulso da industria de baterías e a da súa reciclaxe perfílase como estratéxico.
Fonte: Retema
Imaxe: Pixabay