- Así o manifestou o presidente da entidade, Javier Domínguez, nun foro virtual organizado por AED, e no que participaron directivos de grandes empresas que lideran o tecido produtivo español, a fin de intercambiar experiencias no marco da crise do COVID-19.
- Mentres que na primeira rolda de intervencións deu conta das medidas adoptadas por Sogama para protexer aos seus traballadores e seguir prestando un servizo esencial para a comunidade, na segunda falou da súa percepción sobre o futuro post-Covid.
- Neste sentido, apelou á esperanza, ao traballo e ao esforzo, confiando plenamente no talento dos galegos para crecer e progresar, así como na capacidade de resistencia da nosa comunidade ante as vicisitudes.
Cerceda, a 8 de maio de 2020.- Invitado pola Asociación Española de Directivos (AED), o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, participou onte, a través de videoconferencia, nun foro de directivos de grandes empresas co obxectivo de intercambiar coñecementos, experiencias e boas prácticas enmarcadas na crise sanitaria do COVID-19.
Nunha primeira rolda de intervencións, na que tiveron voz profesionais de alto nivel que lideran as principais compañías do tecido produtivo español, Domínguez compartiu cos seus homólogos as medidas adoptadas por Sogama para facer fronte á pandemia e a gran preocupación da empresa por extremar a protección dos seus traballadores e seguir prestando o seu servizo na xestión e tratamento dos residuos urbanos, catalogado como esencial.
Deu conta tamén dos momentos de tensión, de incerteza e das incidencias propias das circunstancias sociosanitarias. Desde o mesmo momento no que a Xunta declarou a alerta sanitaria, o máximo responsable de Sogama púxose ao fronte dun gabinete de crise integrado polos responsables de área, asumindo a coordinación de toda a operativa da entidade.
Fixo tamén especial fincapé na importancia da comunicación interna en situacións destas características, xa que a información debe ser fluída, a transparencia absoluta e a colaboración leal.
Máis aló do seu cometido no ámbito dos residuos urbanos, a compañía, a petición do SERGAS, está tratando os sanitarios de baixo risco (mascarillas, luvas, buzos e asimilables) a través da valorización enerxética dos mesmos. Esta solicitude tivo lugar logo de terse constatado a sobresaturación das instalacións encargadas de xestionar esta fracción de refugallos. Desde o pasado 21 de abril, Sogama tratou máis de 50 toneladas de residuos sanitarios, tendo acometido previamente unha adaptación técnica da súa infraestrutura na que investiu máis de 600.000 euros. “Fomos máis aló do noso obxecto social e intentamos estar onde Galicia nos necesitou en cada momento”, sinalou Domínguez.
PAGOS AXILIZADOS A PROVEDORES
De forma paralela, e tendo en conta de que determinados contratos quedaron en suspenso tralo decreto do estado de alarma por parte do Goberno central, Sogama modificou os períodos para o pago de facturas, baixando de 30 días a 10 co fin de axudar aos provedores. Así mesmo, nos próximos días reactivará varias licitacións pendentes, aportando o seu gran de area á reactivación económica de Galicia
Na segunda rolda de intervencións, e que se dedicou en exclusiva ás perspectivas de futuro, Javier Domínguez apelou á esperanza, ao traballo e ao esforzo, consciente da complicada situación económica que golpeará con forza aos cidadáns.
Considera que é tempo de reinventarse, de reorientar os negocios e de dar renda solta á creatividade e á innovación. Neste sentido, apelou ás posibilidades que pode ofrecer o medio ambiente, a sostibilidade e a loita contra o cambio climático como xacemento de emprego. Proba disto é a propia Sociedade Galega do Medio Ambiente, que dá traballo a 1.000 persoas, entre postos directos e indirectos.
“Estou seguro de que o talento dos galegos para crecer e progresar, e a capacidade de resistencia da nosa comunidade ante as vicisitudes, permitiranos poñer rumbo a un futuro que debemos empezar a escribir”, concluíu.
Saúdos, Departamento de Comunicación