- Os europeos consomen case 26 kg e despréndense dun 11 kg de pezas de roupa cada ano, que adoitan acabar tiradas en lugar de doadas
- A industria téxtil é responsable de aproximadamente o 20% da contaminación mundial de auga potable, así como do 10% das emisións mundiais de carbono, mentres que o lavado de roupa sintética representa o 35% dos microplásticos primarios liberados no medio ambiente
- A CE presentou en marzo de 2022 unha nova estratexia para propiciar que os téxtiles sexan máis duradeiros, reparables, reutilizables e reciclables, facer fronte á moda rápida e estimular a innovación no sector
Cerceda, a 21 de xuño de 2023.- A moda rápida, coa subministración constante de novos estilos a prezos moi baixos, ten un gran impacto sobre o medio ambiente.
Entre os anos 2000 e 2015, a produción de roupa viuse duplicada, á vez que diminuíu o uso medio que se fai dunha peza de vestir. Os europeos consomen case 26 kg e despréndense dun 11 kg de pezas cada ano, que adoitan acabar tiradas en lugar de doadas. Menos da metade da roupa usada recóllese para ser reutilizala ou reciclala, e só o 1% se recicla.
O sector consome moita auga, ademais de terras para cultivar algodón e outras fibras. Estímase que, para fabricar unha soa camiseta de algodón, necesítanse 2.700 litros de auga doce: a cantidade que unha persoa bebe en 2 anos e medio.
O téxtil foi a terceira fonte de degradación da auga e do uso do solo en 2020. Ese ano precisouse dunha media de nove metros cúbicos de auga, o uso de 400 metros cadrados de terra e 391 quilogramos (kg) de materias primas para proporcionar roupa e calzado a cada cidadán da UE.
Consumo e contaminación de auga, xeración de microplásticos e emisións de CO2
A través das tinguiduras e os produtos de acabado, a industria téxtil é responsable de aproximadamente o 20 % da contaminación mundial de auga potable. O lavado de roupa sintética representa o 35% dos microplásticos primarios liberados no medio ambiente.
O lavado de materiais sintéticos derivou en que, na actualidade, máis de 14 millóns de toneladas de microplásticos acabasen no fondo dos océanos.
Calcúlase que a industria da moda é responsable do 10% das emisións mundiais de carbono, máis que os voos internacionais e o transporte marítimo combinados.
Segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente, as compras de téxtiles na UE en 2020 xeraron ao redor de 270 Kg de emisións de CO2 por persoa.
Cara ao cambio
Como parte do plan de acción da economía circular, a Comisión Europea presentou en marzo de 2022 unha nova estratexia para propiciar que os téxtiles sexan máis duradeiros, reparables, reutilizables e reciclables, facer fronte á moda rápida e estimular a innovación no sector.
A estratexia inclúe novos requisitos de deseño ecolóxico para os produtos téxtiles, información máis clara para o consumidor, un Pasaporte Dixital de Produto e pide ás empresas que asuman a súa responsabilidade e actúen para minimizar as súas pegadas de carbono e ambientais.
As medidas para facer fronte a este problema van desde desenvolver novos modelos de negocio para alugueiro de roupa, deseñar os produtos de forma que sexa máis fácil reutilizalos e reciclalos (moda circular), convencer aos consumidores de que compren menos roupa de mellor calidade (moda lenta) e, en xeral, orientar o comportamento dos consumidores cara a opcións máis sostibles.
En virtude da directiva sobre os residuos aprobada polo Parlamento Europeo en 2018, os Estados membros teñen que establecer unha recollida separada dos téxtiles antes de 2025.
Fonte e imaxe: Parlamento Europeo