- Así se recolle nun estudo elaborado pola FAO, no que, ademais, ponse de relevo que os ODS contemplan para o ano 2030 a redución do desperdicio alimentario á metade.
- Na actualidade, as perdas de alimentos a nivel mundial estímanse nun 13,8%, o que equivale a uns 400 millóns de dólares.
- A relación entre a redución das perdas e os desperdicios de alimentos co medio ambiente explícase coa diminución de emisións de carbono e o mellor uso dos recursos naturais.
Cerceda, a 25 de outubro de 2019.- Tal e como se contempla no informe sobre o Estado Mundial da Agricultura e a Alimentación 2019 “Progresos na loita contra a perda e desperdicio de alimentos”, dado a coñecer recentemente, a diminución do desperdicio de comida contribúe á sostibilidade e á seguridade alimentaria.
O estudo, elaborado pola FAO, pon de relevo que os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) contemplan para o ano 2030 a redución do desperdicio alimentario á metade. Neste marco, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura considera necesario definir que é perda e que é desperdicio, entendendo como perdas as que se producen ao longo da cadea, desde a colleita, o sacrificio ou a captura ata o nivel minorista, aínda que sen incluílo e, como desperdicio, o nivel da venda ao por menor e no consumo.
Na actualidade, as perdas de alimentos a nivel mundial estímanse en 13,8%, o que equivale a uns 400 millóns de dólares.
O director xeral do Departamento de Desenvolvemento Económico da FAO, Máximo Torero, explicou que, a día de hoxe, o mundo conta con alimentos suficientes para satisfacer a demanda, pero a poboación crecerá, polo que calquera redución das perdas e desperdicios significará máis alimentos dispoñibles no mercado mundial. Non obstante, pon de relevo que isto non garante que toda a xente vaia a ter acceso a esa comida nin que se vaia acabar a fame.
Destacou igualmente que non se pode forzar aos produtores con recursos limitados a facer investimentos se estes non lles van a beneficiar, o que implica analizar como se poden lograr esas reducións.
A relación entre a diminución das perdas e os desperdicios de alimentos co medio ambiente explícase coa redución de emisións de carbono e o mellor uso dos recursos naturais tales como a terra, a auga e a enerxía.
A FAO considera que o problema debe ser abordado desde tres eixos: primeiro, coñecer con exactitude a cantidade de alimentos que se perden e desperdician, así como onde e por que; segundo, fixar obxectivos que respondan á realidade de cada comunidade e cada país; e, terceiro, identificar onde se xera o problema para articular as políticas necesarias.
Fonte: FAO
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación