- Máis do 30% da pegada ambiental da UE provén dos edificios, o que o converte no sector con maior impacto sobre o medio ambiente
- Aproximadamente un terzo do consumo de materiais da Unión destínase á construción, representando o uso dos edificios o 42% do consumo total de enerxía e o 35% das emisións de GEI
Cerceda, a 2 de outubro de 2024.-Se ben a construción, o uso e a demolición de edificios xeran importantes presións ambientais e climáticas, segundo un recente informe da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA), as renovacións intelixentes que se centran no uso eficiente da enerxía e os recursos poden axudar a Europa a aumentar a sostibilidade do seu sector inmobiliario.
O documento, que leva por título "Abordar a pegada ambiental e climática dos edificios ", avalía o estado actual do parque inmobiliario europeo e analiza o que se necesita para que os edificios sexan máis sostibles. A renovación dos existentes con materiais sostibles, á vez que se mellora a resiliencia climática e se traballa coa natureza, son fundamentais.
Máis do 30% da pegada ambiental da UE provén dos edificios, o que o converte no sector con maior impacto sobre a contorna. Aproximadamente un terzo do consumo de materiais da Unión destínase á construción, representando os edificios o 42% do consumo total de enerxía e o 35% das emisións de gases de efecto invernadoiro. Ademais, o seu desmantelamento xera o maior fluxo de residuos na UE en termos de peso, e, aínda que as taxas de reciclaxe dos residuos de demolición son altas, conducen principalmente a unha reciclaxe de baixo valor.
O informe da AEMA sinala que se agarda que o envellecemento da poboación, o aumento da riqueza e o cambio climático modifiquen a demanda de usos específicos dos edificios en Europa. É probable que se necesiten máis edificios nas cidades, debendo contribuír estes ás solucións ambientais e climáticas, incluído o aforro e a produción de enerxía, a protección contra os riscos climáticos e a recuperación da natureza.
Fonte e imaxe: AEMA