- Estudantes de 1º e 2º de Bacharelato do IES Sanxillao de Lugo visitaron recentemente o Complexo Medioambiental de Cerceda para comprobar a súa evolución, xa que tiveron a oportunidade de velo cando cursaban educación primaria
Cerceda, a 17 de xuño de 2024.- En días pasados, estudantes de 1º e 2º de Bacharelato do IES Sanxillao de Lugo visitaron o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para comprobar a súa evolución durante os últimos anos, dado que, cando cursaban educación primaria, percorreron as súas instalacións por primeira vez, unha experiencia da que gardan un grato recordo.
Nesta ocasión, o enfoque da visita variou substancialmente, xa que puideron efectuar, a través de realidade virtual e equipados con lentes inmersivos 360º, un circuito polas distintas plantas que conforman esta infraestrutura industrial e ver recunchos e espazos que non son accesibles nun itinerario a pé.
Así mesmo, descubriron unha nova instalación, onde se recuperan os materiais reciclables contidos no lixo en masa, e que o cidadán, por descoñecemento ou por falta de vontade, non separa correctamente en orixe. Con esta planta, que opera en liña coa industria 4.0, propíciase a súa recuperación e posterior reciclado.
A segunda sorpresa da xornada foron os xogos arcade, cos que tiveron a oportunidade de poñer a proba a súa bagaxe, habilidades e destrezas na recollida selectiva de residuos. Identificar cada material coa maior prontitude, introducilo no contedor correspondente e transportalo ao centro de tratamento para a súa reciclaxe ou valorización enerxética, constitúen algunhas das accións que forman parte da competición.
Xa no tempo de coloquio, comentaron as súas impresións sobre o Complexo de Sogama, abordando outras cuestións tales como a implantación do contedor marrón en Lugo para a recollida diferenciada da materia orgánica, e que acaba de arrincar na cidade para propiciar a súa compostaxe na planta de biorresiduos que esta empresa pública ten na localidade lucensede Cervo.
Saúdos, Departamento de Comunicación