- Máis de 4.700 delegados de 170 Estados membros das Nacións Unidas, entre os que se atopaban ministros de Medio Ambiente, científicos, académicos, líderes empresariais e representantes da sociedade civil, déronse cita na cuarta Asemblea da Nacións Unidas para analizar a preocupante situación ambiental pola que atravesa o mundo.
- Púxose especial énfase na necesidade de promover a innovación, de fomentar prácticas agrícolas resilientes, de impulsar o intercambio de datos ambientais, de poñer coto ao uso de plásticos desbotables e de adoptar patróns de produción e consumo sostibles.
- Así mesmo, instouse aos países a apoiar medidas para abordar o desperdicio alimentario e para protexer os océanos do lixo plástico mariño e dos microplásticos
- E todo isto enmarcado nun modelo de desenvolvemento orientado cara a unha economía global máis circular na que os bens poidan reutilizarse ou destinarse a outros fins e manterse en circulación durante máis tempo.
Cerceda, a 18 de marzo de 2019.- Tras cinco días de intensas negociacións, a cuarta Asemblea das Nacións Unidas celebrada a pasada semana en Nairobi (Kenia), concluíu cun acordo unánime: poñer en marcha un plan de acción para garantir a sostibilidade futura do planeta.
Máis de 4.700 delegados de 170 Estados membros das Nacións Unidas, entre os que se atopaban ministros de Medio Ambiente, científicos, académicos, líderes empresariais e representantes da sociedade civil, manifestaron a súa profunda preocupación polo incremento da contaminación do planeta e o acelerado consumo dos recursos naturais.
Neste sentido, púxose especial énfase na necesidade de promover a innovación, de fomentar prácticas agrícolas resilientes, de impulsar o uso e o intercambio de datos ambientais, de poñer coto ao uso de plásticos desbotables, e de adoptar patróns de produción e consumo sostibles. E todo isto enmarcado nunha economía global máis circular na que os bens poidan reutilizarse ou destinarse a outros fins e manterse en circulación durante máis tempo.
Así mesmo, instouse aos países a apoiar medidas para abordar o desperdicio alimentario e para protexer os océanos do lixo plástico mariño e dos microplásticos.
INFORMES QUE CLAMAN POR UNHA MAIOR ACCIÓN
Na Asemblea publicáronse unha serie de informes nos que se daba conta da necesidade de acelerar a acción climática, podendo destacar un especialmente alarmante sobre o Ártico, no que se recolle que, aínda se o mundo reducise as emisións conforme aos preceptos do Acordo de París, as temperaturas invernais no Ártico aumentarán de 3 a 5ºC para 2050 e de 5 a 9ºC para 2080, propiciando, además, aumentos no nivel do mar en todo o mundo.
Neste escenario, asegúrase que o mundo ten a ciencia, a tecnoloxía e as finanzas necesarias para avanzar cara a un desenvolvemento máis sostible, pero necesítase compromiso por parte de todos os actores.
A directora executiva interina de ONU Medio Ambiente, Joyce Msuya, manifestou que “se os países cumpren o acordado e implementan as resolucións, poderiamos dar un gran paso cara a un novo sistema mundial no que xa non crezamos a expensas da natureza, senón que vexamos ás persoas e ao planeta prosperar xuntos”.
Pola súa banda, Amina Mohammed, vicesecretaria xeral da ONU, sinalou que “aínda é posible aumentar o noso benestar e ao mesmo tempo manter o crecemento económico a través dunha combinación intelixente de políticas de mitigación do clima, eficiencia de recursos e protección da biodiversidade”.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación