- O acto institucional, ao que asistiu o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, tivo lugar o pasado luns, 17 de xuño, no Museo do Mar de Galicia.
- Foi Fernanda Proença, portavoz da Universidade do Minho, entidade que lidera o proxecto Res2ValHum, a encargada de dar a coñecer, desde unha dimensión técnica, os pormenores do mesmo, o traballo realizado e as tarefas pendentes de executar de aquí a final de ano.
- Cabe recordar que o obxectivo de Res2ValHum é poñer en valor a materia orgánica e evitar o seu vertido, transformándoa en fertilizantes biolóxicos de alta calidade e remediación de solos contaminados, ademais doutros posibles usos vinculados á cosmética e accións terapéuticas diversas.
- Forman parte deste proxecto, en calidade de socios, LIPOR, CVR e BRAVAL, no caso de Portugal, e a USC, CVAN e SOGAMA, no de Galicia.
Cerceda, a 19 de xuño de 2019.- O proxecto europeo “Res2ValHum”, que ten por obxecto poñer en valor a materia orgánica e evitar o seu vertido, foi presentado o pasado luns en Vigo, concretamente no Museo do Mar de Galicia, nun acto institucional promovido pola Xunta de Galicia e ao que asistiu o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino. No mesmo déronse a coñecer exemplos de boas prácticas no marco do programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal (POCTEP).
En concreto, Fernanda Proença, portavoz da Universidade do Minho (Braga), entidade que lidera o proxecto Res2ValHum, foi a encargada de explicar os pormenores desta iniciativa, á vez que se fixo eco do traballo realizado ata o momento e as tarefas pendentes de aquí a final de ano.
De acordo cos preceptos da economía circular, o proxecto pretende diminuír o impacto negativo do lixo sobre o medio ambiente mediante a transformación dos residuos orgánicos en materia prima para a elaboración de fertilizantes biolóxicos de alta calidade e remediación de solos contaminados, ademais doutros posibles usos vinculados á cosmética e accións terapéuticas diversas, xerando en todo caso produtos de gran valor engadido que tamén poderían abrir a porta a novas áreas de negocio e emprego.
Neste marco, Proença aludiu aos resultados de diversas análises para rexeneración de solos e restauración de minas con distintas mesturas de compost, así como aos ensaios en plantacións de cultivos tales como leitugas e fresas para comprobar se a adición de determinadas tipoloxías de compost poderían contribuír ao seu maior crecemento.
Non quixo desperdiciar a ocasión para explicar algunhas das actividades de difusión que xa foron materializadas no marco do proxecto por parte dos socios: LIPOR, CVR e BRAVAL, no caso de Portugal, e CVAN, USC e SOGAMA, no de Galicia.
DIVULGACIÓN POR SOGAMA
Neste sentido, cabe sinalar que a Sociedade Galega do Medio Ambiente levou a cabo, desde mediados do ano 2017, unha intensa actividade didáctica e divulgativa que se traduciu na celebración dun workshop en Vigo, a edición dun manual de compostaxe orientado a técnicos municipais e a empresas do sector, a promoción dun xogo interactivo online a través do cal o internauta ten a oportunidade de indagar na compostaxe doméstica e industrial, a publicación dun conto infantil, a elaboración de contidos específicos que conformaron un curso online a disposición de calquera interesado e a produción dun vídeo no que se explica a técnica e os beneficios do compostaxe a nivel ambiental, económico e social.
En datas próximas, Sogama celebrará un novo workshop, neste caso no seu Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), co que pretende difundir experiencias prácticas de compostaxe a nivel local, tanto en Galicia como noutros puntos de España e Portugal.
Saúdos, Departamento de Comunicación