- Con carácter previo ás vacacións escolares de Nadal, educadores de Sogama desprazáronse a este centro para impartir unha xornada formativa que foi acollida con máximo interese por parte de alumnos e profesores para mellorar a súa colaboración na reciclaxe
Cerceda, a 26 de decembro de 2024.- Finalizado o primeiro trimestre do curso académico, e con carácter previo ás vacacións de Nadal, o IES Terra de Soneira, pertencente ao concello coruñés de Vimianzo, quixo reservar unha xornada para que o alumnado ampliase os seus coñecementos na xestión sostible dos residuos urbanos e resolvese as súas dúbidas sobre a reciclaxe.
Así, preto de medio cento de escolares de 1º de ESO participaron nunha sesión formativa que cualificaron de gran interese para clarificar conceptos e tamén para desmontar mitos.
O contedor marrón centrou boa parte da atención, tanto en relación aos residuos que deben depositarse no mesmo como en relación ao tratamento que reciben na planta de compostaxe. Dado que este recipiente, de recente implantación nos concellos, está reservado unicamente para os refugallos orgánicos e que ao contedor xenérico de sempre tamén se lle viña recoñecendo coma o de orgánico, e non coma contedor para resto, chegaron a pensar que este último desaparecía das rúas. É por isto que se lles explicou que, antes da instauración do marrón, o xenérico acollía tanto os refugallos orgánicos como a fracción resto (non reciclable), quedando reservado agora para esta última.
Moitas das dúbidas expostas centráronse no contedor amarelo, xa que consideraban que no mesmo podían depositarse todo tipo de plásticos, con independencia de se eran envases ou non. Neste sentido, clarificouse que este recipiente acolle envases e envoltorios de plástico, ademais de latas e briks.
A confusión conceptual vén evidenciar que, en moitas ocasións, é a falta de información, e non a falta de interese, a que leva a cometer erros, de aí a necesidade de que empresas de xestión de residuos, administracións e colectivos sociais estreiten a súa colaboración a fin de que os cidadáns dispoñan da bagaxe necesaria para facer unha boa separación de residuos en orixe e un correcto depósito dos mesmos nos diferentes contedores de recollida selectiva. Só así a reciclaxe será viable.
Esta sesión formativa serviu aos estudantes de Vimianzo da apoio para complementar a información adquirida durante unha visita realizada ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda durante o pasado curso académico.
Con todo, e máis aló da reciclaxe, os educadores ao servizo desta empresa pública lembraron a importancia de reducir a produción de residuos mediante o consumo consciente e responsable, que adquire maior relevancia aínda nas festas de Nadal, e de reutilizar os produtos o maior número de veces posible antes de que se convertan en residuos.
Saúdos, Departamento de Comunicación