-
Trátase dunha acción crave para coidar a nosa saúde e a do planeta, pero, logo de máis de dúas décadas de existencia do Punto SIGRE, aínda persisten algúns mitos e erros ao redor desta actividade
Cerceda, a 30 de maio de 2024.- Se ben o Punto SIGRE leva xa anos implantado nas farmacias, aínda hai dúbidas persistentes sobre o seu correcto uso que deben clarificarse:
1) As caixas de cartón e os envases dos medicamentos non deben depositarse nin no contedor azul nin no amarelo nin no iglú verde. Calquera envase de medicamento (incluídas as caixas e os prospectos) debe recibir un tratamento específico porque pode conter restos dos mesmos, polo que debe ser depositado en calquera dos Puntos SIGRE situados nas máis de 22.100 farmacias repartidas por toda España.
2) Os residuos de medicamentos non se destinan a doazóns humanitarias. A lexislación vixente non o permite debido ao risco sanitario que implica a súa reutilización. Ademais, cando doamos medicamentos que non corresponden ás necesidades das persoas receptoras, estes pasan a acumularse en fronteiras, aduanas ou campos de refuxiados. Xa houbo casos de acumulación de toneladas de medicamentos que non se destrúen axeitadamente e acaban sendo un problema económico e para o medio ambiente.
3) Os residuos de medicamentos non poden entregarse en puntos limpos. A normativa o prohíbe, esixindo que sexan recollidos a través das mesmas canles de distribución e venda dos medicamentos, é dicir, a través das farmacias e distribuidores farmacéuticos que participan no sistema SIGRE. Desta forma, mantense o control farmacéutico sobre os residuos de medicamentos e garántese o seu correcto tratamento ambiental.
4) As xiringas, agullas ou outros obxectos cortantes non deben depositarse no Punto SIGRE ao non tratarse de medicamentos e para evitar accidentes durante a extracción dos residuos do contedor branco e o seu posterior transporte e manipulación.
De maneira excepcional, pódense depositar no Punto SIGRE as agullas que vaian unidas ao envase do medicamento e non poidan separarse do mesmo (por exemplo, as xiringas precargadas ou bolígrafos de insulina), pero a condición de que ditas agullas estean tapadas ou protexidas correctamente co seu capuchón ou dispositivo protector.
5) Reciclar medicamentos si nos afecta. Todos, nalgún momento, necesitamos facer uso dun medicamento para previr ou tratar unha enfermidade ou para mellorar a nosa calidade de vida. Con todo, se non facemos un uso axeitado do mesmo, podería ter consecuencias negativas para a nosa saúde e para o medio ambiente.
Fonte e imaxe: SIGRE