- A cidade de Áqaba xa está empezando a aplicar criterios de economía circular a través da posta en marcha dun proxecto no que se integraron 15 hoteis e 17 restaurantes para auditar os residuos producidos nos mesmos e avaliar a forma de reducir o seu impacto.
- Capacitouse ao persoal do sector en xestión sostible de refugallos e deseñáronse plans para que as entidades participantes diminuísen nun 25% a cantidade de lixo depositado en vertedoiro .
- Así mesmo, estase avaliando a posibilidade de utilizar incentivos fiscais e reducir as tarifas a aqueles hoteis que mellor xestionen os seus residuos.
- De forma paralela, o proxecto tamén se impregnou dunha dimensión social ao proporcionar, a través da reutilización e a reciclaxe, medios de vida ás mulleres en risco de exclusión, formándoas no proceso de transformación dos refugallos en produtos de valor.
Cerceda, a 15 de abril de 2019.- A produción de residuos en Xordania seguiu unha liña ascendente nos últimos anos, chegando ás case 3 millóns de toneladas en 2017.
O desperdicio alimentario constitúe tamén unha preocupación neste país e a cidade costeira de Áqaba, moi coñecida polas súas augas cristalinas e os seus arrecifes de coral, xa está empezando a aplicar a economía circular para diminuír a xeración de lixo e transformar os residuos en recursos. Para iso cóntase coa implicación do sector hostaleiro.
Así, a Asociación de Enerxía, Auga e Medio Ambiente de Xordania, co apoio da Unión Europea e ONU Medio Ambiente, a través do Programa SWITCH Med, levou a cabo un proxecto no que se integraron 15 hoteis e 17 restaurantes para auditar os residuos producidos nos mesmos e avaliar a forma de reducir o seu impacto.
A través desta iniciativa capacitouse ao persoal do sector en xestión sostible de residuos e deseñáronse plans para que as entidades participantes diminuísen nun 25% a cantidade de lixo depositado en vertedoiro.
O plan de acción contemplou medidas sinxelas tales como a revisión dos menús, a mellor xestión dos alimentos (consumir os máis antigos antes de que se perdan e usar pratos de menor tamaño nos bufés) e a reciclaxe de plásticos e metais.
Actualmente, a cidade está avaliando a posibilidade de utilizar incentivos fiscais para lograr unha maior implicación do sector turístico. Os hoteis pagan un imposto fixo pola recollida de lixo en función do espazo ocupado. Non obstante, a Autoridade da Zona Económica Especial de Áqaba móstrase disposta a reducir as tarifas para os hoteis que mellor xestionen os seus residuos.
ENFOQUE SOCIAL
De forma paralela, o proxecto tamén se impregnou dunha dimensión social ao proporcionar, a través da reutilización e a reciclaxe, medios de vida ás mulleres en risco de exclusión, capacitándoas na suprarreciclaxe, é dicir, no proceso de transformación dos refugallos en produtos de valor. Algunhas xa aprenderon a fabricar candelabros a partir de latas defectuosas, traballo que lles permite obter ingresos e diminuír os residuos vertidos. Outras traballan na reciclaxe de papel e tecidos e, nalgúns casos, xa alugaron locais para fabricar produtos a partir de materiais de residuos e vendelos.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación