- Foron recollidas no marco do proxecto “Upcycling the Oceans”, contando coa inestimable colaboración de 2.534 pescadores, os cales estiveron ao fronte de 550 barcos pesqueiros de arrastre localizados en 37 portos de Galicia, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía e Rexión de Murcia.
- O principal obxectivo desta iniciativa é recoller os residuos mariños co fin de reciclalos e transformalos en materia prima de utilidade, neste caso en fío de primeira calidade para a fabricación de tecidos, así como levar a cabo un labor de formación e concienciación cidadá sobre a grave ameaza que supón arroxar lixo ás contornas naturais.
Cerceda, a 22 de marzo de 2019.- No marco do proxecto “Upcycling the Oceans”, promovido conxuntamente pola Fundación Ecoalf e Ecoembes co loable fin de loitar contra o lixo mariño, o pasado ano logrouse retirar 140 toneladas de residuos dos fondos mariños grazas á actividade destas dúas entidades e á inestimable colaboración de 2.534 pescadores, os cales estiveron ao fronte de 550 barcos de arrastre localizados en 37 portos de Galicia, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía e Rexión de Murcia.
Upcycling the Oceans ten un dobre obxectivo. Por unha banda, recoller os residuos mariños co fin de reciclalos e transformalos en materia prima de utilidade para outros sectores, como é a súa conversión en fío de primeira calidade para a fabricación de tecidos; e, por outro , levar a cabo un labor de formación e concienciación cidadá sobre a grave ameaza que supón arroxar residuos ás contornas naturais. Non en van, o 80% do lixo que acaba no mar teñen a súa orixe en terra, provocando alteracións sobre os ecosistemas mariños, sobre a fauna, que inxire plástico ao confundilo con alimento, ocasionándolle serios problemas no tracto dixestivo e, en moitas ocasións, a morte, sobre a pesca, o turismo e tamén sobre a propia alimentación humana.
Pola súa banda, Javier Goyeneche, presidente e fundador da Fundación Ecoalf, manifestou a súa satisfacción coa evolución do proxecto durante estes anos. “En 2015 arrancamos en 9 portos e a día de hoxe, grazas ao compromiso do sector pesqueiro, temos unha rede consolidada de case 40 portos en España que ata agora recuperou máis de 330 toneladas de lixo do fondo do mar”. Tal e como sinalou, o obxectivo desta iniciativa non é só extraer o lixo que está esnaquizando os ecosistemas mariños, senón demostrar que é posible darlles unha segunda vida converténdoos en produtos de alta calidade e duradeiros.
Millóns de toneladas de residuos plásticos acaban no mar cada ano e o 75% chegan aos fondos mariños. O ciclo da reciclaxe en “Upcycling the Oceans” dá comezo co propio traballo diario dos pescadores, que se encargan de gardar os refugallos que se atopan nas redes e depositalos nos contedores que o proxecto lles proporciona unha vez que chegan a porto. A partir de aí, o circuíto da recuperación continúa co transporte, a clasificación e a propia transformación en novas materias primas. O plástico PET trátase para converterse en granza que permite a elaboración do fío co que se fabrican as pezas téxtis por parte da empresa de moda sostible Ecoalf.
En 2018, esta firma lanzou as famosas zapatillas Ocean Waste, fabricadas a partir dunhas 5 botellas de plástico do fondo do Mediterráneo.
Fonte: Ecoembes
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación