Noticias
REtomando a volta ao cole con medidas Eco
- Planificar en función das necesidades dos pequenos, aproveitar e reacondicionar materiais do curso pasado, optar por alimentos saudables e nutritivos para as merendas, priorizar os tuppers de cristal, os panos de mesa e as botellas de aluminio reutilizables para a auga, son, entre outros, algúns xestos que poden resultar de axuda
Cerceda, a 19 de setembro de 2024.- O regreso ás aulas supón unha certa revolución nos fogares que precisa dun período de adaptación para recuperar rutinas e horarios, requirindo, por riba de todo, unha maior organización, fundamental para compatibilizar tarefas e conciliar actividade e descanso, procurando que o día a día flúa dunha forma sostible para a unidade familiar no seu conxunto.
Con tal fin, Sogama proporciona unha serie de consellos:
- Planificar en función das necesidades dos pequenos, avaliando primeiro se o que precisan se pode resolver reutilizando algo que xa se ten ou adquirirse de segunda man. Se hai que comprar produtos, que estes sexan duradeiros, de calidade e co mínimo impacto ambiental.
- Uniformes de segunda man. Un uniforme tipo pode custar entre 100 e 300 euros, pero, tendo en conta que os nenos se atopan en fase de crecemento, polo xeral non poden aproveitalo dun curso para outro. Así que sempre cabe a posibilidade de recorrer a coñecidos e familiares para pedilo prestado ou ben adquirilo a bo prezo a través de plataformas específicas.
- Aproveitar mochila e estoxo. Non é necesario nin conveniente estrear mochila e estoxo todos os anos. Cuns coidados mínimos, poden durar varios cursos e, se se lles quere dar outro aire estético, sempre se poden utilizar accesorios, bordados etc.
- Intercambiar os libros de texto e doar ou vender os do curso anterior. Tamén neste caso hai plataformas que facilitan o troco.
- Material escolar eco-friendly. Antes de compralo, convén fixarse na súa procedencia, dando prioridade aos produtos ecolóxicos e fabricados con materiais naturais coma o bambú ou a madeira, e evitando o plástico (cadernos de papel reciclado, bolígrafos recargables, gomas de borrar de caucho, lapis sen tóxicos, sacapuntas que non rompen, portaminas de madeira, etc).
- Kit básico reutilizable. Se os teus fillos deben comer ou merendar no colexio, cómpre pensar nun kit básico que conteña botella para a auga (preferentemente de aluminio), cubertos de metal, pano de mesa de tea e tupper de cristal. Deben evitarse os envases e envoltorios innecesarios e prescindir do papel de aluminio para envolver os bocadillos.
- Alimentos saudables e nutritivos. Nada de alimentos procesados, comida lixo ou zumes e bebidas con alto contido en azucre. Mellor verduras e froitas frescas, ovos, peixe, hortalizas, legumes, zumes naturais, etc.
- Mobilidade sostible. Na medida do posible, é preciso evitar o uso do coche particular para levar aos nenos ao colexio e, se resulta imprescindible, tentar turnarse con outros pais e compartir vehículo. Mellor dar preferencia ao transporte público e, de ser factible, promover o uso da bicicleta ou mesmo camiñar, se a distancia o permite.
- Uso prudente e responsable dos dispositivos móbiles. A tecnoloxía forma parte do día a día da sociedade e está asentada no ámbito escolar. Con todo, o uso dos dispositivos móbiles tales como teléfonos e tabletas, debe estar vixiado polos pais, advertindo aos nenos dos riscos da internet, establecer límites horarios e predicar co exemplo. A tecnoloxía consome recursos e os pequenos deben aprender a coidar os seus dispositivos para que duren o maior tempo posible.
Saúdos, Departamento de Comunicación