- Esteban Freiría, deseñador galego afincado en Marbella, participará un ano máis neste evento cunha colección “Sarapallo” que naceu precisamente a raíz dun saco de patacas.
- No programa Ecovoz manifestou sentirse atraído polas teas antigas porque teñen unha mellor caída, por como está feito o fío e pola prestancia ao acabar a peza.
- Sinalou, así mesmo, que reutilizar no ámbito da moda non se traduce en facer manualidades, senón en facer costura, e atráelle especialmente a utilización do encaixe.
Cerceda, a 16 de abril de 2019.- Os grandes deseñadores de moda tamén apostan pola reutilización. Así o manifestou no programa radiofónico Ecovoz Esteban Freiría, deseñador galego afincado en Marbella, onde asegurou que os grandes da moda reutilizan nas súas coleccións pezas doutras anteriores.
Freiría participará na XXIX da Mostra do Encaixe de Camariñas, que terá lugar do 17 ao 21 de abril, e farao cunha colección reciclada “Sarapallo” que naceu precisamente a raíz dun saco de patacas e que se acompañará de complementos elaborados artesanalmente a partir de cobre reutilizado dos que é autora a xoieira e orfebre Ana Freiría.
Os mercadillos de segunda man, habituais no sur de España, tamén serven de fonte de inspiración a este gran deseñador, ao que lle gustan especialmente as teas antigas. “Ademais do toque diferente a nivel estético, tocar un tecido antigo e vello, e tocar un tecido novo é moi diferente”. En boa parte, tal e como trasladou, debido aos compoñentes químicos da roupa que se fabrica hoxe en día, cunha alta presenza de tinguiduras.
Atráenlle, por exemplo, as teas dos anos 70, polas caídas, por como está feito o fío, pola prestancia ao acabar a peza, pola forma na que están cosidas. Considera que hai creacións que non se poden facer con tecidos novos e, para el, “a moda vintage é o máis ”. Non obstante, asegurou que “gústame reutilizar, pero que se vexa bonito; non reutilizar por reutilizar. E gústame que o realizado con algo vello, se vexa novo”.
Sinala que reutilizar no ámbito da moda non se traduce en facer manualidades, senón en facer costura, e atráelle especialmente a utilización do encaixe. Introducir o encaixe de Camariñas nas súas coleccións é un luxo que traspasa o ámbito profesional e adéntrase no humano. “É un punto de ancoraxe; é como seguir sendo galego”.
Cualificou o desfile da Mostra de encaixe como un evento fresco, que permite observar cousas moi diferentes e enxalzou a magnífica organización do mesmo.
Imaxe: MECAM Encaixe de Camariñas 2.0
Saúdos, Departamento de Comunicación