- Así se recolle nun informe publicado polo Foro Económico Mundial: ‘Future of Reusable Consumption Models’ .
- Nun modelo de reutilización, os artigos de consumo deséñanse para ser utilizados varias veces, xerando un valor engadido en toda a economía.
Cerceda, a 4 de agosto de 2021.- Reutilizar o 10% dos produtos de plástico que consumimos permitiría evitar case a metade dos residuos plásticos que cada ano terminan nos océanos. Esta é unha das principais conclusións do informe ‘Future of Reusable Consumption Models’ (O futuro dos modelos de consumo reutilizables) publicado polo Foro Económico Mundial.
O documento, realizado en colaboración coa consultora internacional Kearney, suxire que o cambio dun modelo de consumo dun só uso a un de «reutilización» pode axudar á sociedade a recuperar terreo na loita contra os residuos plásticos.
Na actualidade, o 50% da produción mundial de plástico é dun só uso e, a nivel mundial, apenas se recollen o 14% dos envases de plástico para a súa reciclaxe. O informe subliña a urxente necesidade de impulsar un cambio sistémico cara a un models de reutilización como parte integral da axenda de reducir-reutilizar-reciclar. No mesmo, os artigos de consumo deséñanse para ser utilizados varias veces, xerando un valor engadido en toda a economía.
As conclusións baséanse en propostas de gobernos e ONG de todo o mundo e nunha investigación realizada con altos directivos dos sectores público e privado. Os autores do informe realizaron entrevistas en profundidade, análise de datos e modelización de escenarios para crear o primeiro marco deste tipo que pode aplicarse a todas as categorías de produtos de consumo e a todas as zonas xeográficas.
Móstranse tres posibles escenarios ante un modelo de reutilización:
- Escenario un: entre o 10 e o 20% dos envases de plástico poderían ser reutilizables en 2030. Isto equivale a entre 7 e 13 millóns de toneladas de envases de plástico, o que representa entre o 45 e o 90% dos residuos plásticos oceánicos anuais.
- Escenario dous: os reutilizables constitúen entre o 20% e o 40% dos envases, o que equivale ao 90-185% dos residuos plásticos oceánicos anuais ou ao 25-50% dos residuos plásticos dos vertedoiros.
- Escenario tres: se entre o 40-70% de todos os envases son reutilizables, equivalería a entre o 185% e o 320% dos residuos plásticos oceánicos anuais ou ao 50-85% dos residuos plásticos dos vertedoiros.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pexels