- Todo apunta a que a tendencia habitual é abandonalos nos caixóns do fogar cando deixan de funcionar, acabando en moitos casos no cubo do lixo, xunto co resto dos residuos.
- Estímase que só se recupera e se recicla o 20% do total, polo que os expertos aconsellan proceder á reparación destes aparellos, á súa reutilización e ao seu depósito nos lugares habilitados cando son irrecuperables (distribuidores e puntos limpos) para proceder ao seu reciclado.
- A nivel mundial, cada ano xéranse 44,7 millóns de toneladas de lixo electrónico, ao redor de 6,1 quilos por habitante e ano, cantidade equivalente a 4.500 torres Eiffel.
Cerceda, a 24 de xaneiro de 2019.- A cara amable das novas tecnoloxías desvanécese coas malas prácticas á hora de xestionar os residuos producidos, que crecen tres veces máis rápido que os urbanos.
Cada vez son máis os cidadáns que dispoñen de varios dispositivos electrónicos cunha vida moi limitada. Ordenadores, pantallas, tabletas, televisores e smartphones, entre outros, conforman, a nivel global, a metade dos refugallos electrónicos. Os móbiles lévanse a palma, coa particularidade de que, en moitos casos, quedan abandonados nos caixóns das casas, cando o seu destino debería ser a reparación ou ben os lugares habilitados para a súa recollida (distribuidores ou puntos limpos) a fin de posibilitar o seu posterior reciclado, dados os valiosos elementos que os conforman.
Os investigadores do departamento de Enxeñería Mecánica e Construción da Universidade Jaume I (UJI) realizaron un estudo para saber que fai o cidadán cando os seus dispositivos electrónicos deixan de funcionar. E a tendencia habitual é o abandono no propio fogar. Así o asegura o 73,91% dos enquisados, mentres que o 65,5% nunha levou a reparar un gadget e o 87,6% nunca adquiriu un xa utilizado.
Os expertos apuntan á necesidade de que a poboación tome conciencia da necesidade de reparar e reutilizar os dispositivos electrónicos como unha medida básica para protexer o medio ambiente e, cando estes dous pasos non son posibles, a opción debe ser o reciclado. En definitiva, alongar a vida útil dos produtos.
Non obstante, a realidade apunta a que, cando a poboación se desfai de artigos destas características, acaban en moitos casos no cubo do lixo. Unha práctica con riscos debido aos seus compoñentes tóxicos e perigosos. Estímase que só se recupera e se recicla o 20% do total.
A lexislación europea na materia fixo posible que Europa sexa o continente onde estes residuos son recollidos en maior medida para proceder á súa recuperación.
OS DATOS
- A nivel mundial, cada ano xéranse 44,7 millóns de toneladas de lixo electrónico, ao redor de 6,1 quilos por habitante e ano, cantidade equivalente a 4.500 torres Eiffel.
- Segundo o Observatorio mundial dos residuos electrónicos de 2017, prevese que este volume alcance os 55,2 millóns de toneladas métricas, isto é, en torno a 6,8 quilos por persoa para o ano 2021.
- No noso país, a cifra do lixo electrónico elévase a 930.000 toneladas, segundo o informe E Waste Monitor 2017.
Fonte e imaxe: Ecoticias
Saúdos ,Departamento de Comunicación