- Débense retirar os medicamentos caducados, así coma outros cuxa función nin sequera lembramos, e levalos ao punto SIGRE da farmacia, xunto cos seus envases, para que reciban un correcto tratamento ambiental
Cerceda, ao 15 de xaneiro de 2025.- A revisión periódica do botiquín doméstico de medicamentos constitúe un hábito ao que debemos dar a importancia que ten, pois, máis aló de ser unha garantía para a saúde, tamén representa un beneficio para o medio ambiente, xa que probablemente haxa medicamentos caducados e outros que nin sequera lembramos cal era a súa función.
SIGRE recomenda revisar o botiquín cada 6 ou 12 meses, e proporciona unha serie de consellos para mantelo sempre actualizado:
- Garda sempre os medicamentos perfectamente identificados, co seu prospecto e envase orixinal. Desta forma, sempre terás á túa disposición a información necesaria do fármaco, como é o caso da súa data de caducidade e as condicións de conservación, o que che facilitará o labor de revisión.
- Non esquezas que o botiquín debe situarse nun lugar fresco e seco, polo que debes evitar gardalo no baño ou na cociña, xa que son espazos nos que se xera humidade e cambios bruscos de temperatura.
- Débense retirar os medicamentos caducados ou en mal estado de conservación, e tamén aqueles que non vaias precisar no futuro. Unha vez retirados, débense levar, xunto cos seus envases, ao punto SIGRE da farmacia para que reciban un correcto tratamento ambiental.
- Cando se remata un medicamento e quedan no botiquín os envases baleiros (frascos, blísteres, aerosois, ampolas etc.) e as caixas de cartón, hai que levalos tamén ao punto SIGRE. Isto é moi importante porque os envases poden conter aínda restos do fármaco.
- Non se deben almacear no botiquín doses sobrantes. Se ao finalizar o tratamento sobraron algunhas doses, tamén hai que levalas ao punto SIGRE da farmacia. Neste sentido, débese prestar especial atención aos antibióticos para evitar as resistencias antimicrobianas.
- En caso de dúbida, consulta ao teu farmacéutico, quen che asesorará axeitadamente sobre como debes facer unha boa xestión do teu botiquín doméstico.
Con estes sinxelos pasos, redúcese o perigo que pode supoñer para a nosa saúde o consumo de medicamentos sobrantes ou caducados. Ademais, depositar estes residuos no Punto SIGRE evita a contaminación dos nosos ríos e solos, e permite reciclar os materiais dos envases para darlles un novo uso, aforrando o consumo de materias primas virxes.
Fonte: SIGRE
Imaxe: Pixabay