- A empresa pública repartiu entre os mesmos un total de 80 composteiros de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- As vivendas receptoras dos mesmos deben ser unifamiliares e contar con terreo (horta ou xardín) no que aplicar o abono resultante.
- Sogama tamén aportará aos entes locais manuais didácticos de apoio para entregar aos usuarios e impartirá cursos de formación presenciais para explicar o procedemento a seguir e clarificar dúbidas.
Cerceda, a 5 de abril de 2019.- Co obxectivo de promover e estender as prácticas de autocompostaxe e, polo tanto, a valorización da materia orgánica nos propios fogares, os concellos de Ribadumia (Pontevedra), Lourenzá (Lugo) e Barbadás (Ourense) ampliarán os seus respectivos programas de compostaxe doméstica coa axuda de Sogama.
Para isto, a entidade pública repartirá entre os tres municipios un total de 80 composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables. Condición indispensable é que estes dispositivos se entreguen en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o abono resultante, pechando así o ciclo de aproveitamento dos restos orgánicos no propio fogar.
Con esta nova partida, e tendo en conta outras subministracións anteriores realizadas por esta empresa en cada municipio, Ribadumia pasa a ter 100 familias adscritas a esta iniciativa; Lourenzá, 122; e Barbadás, 51, das cales 21 incorporáronse o pasado ano no marco do convenio formalizado entre a Deputación de Ourense e Sogama para o fomento da autocompostaxe.
Así mesmo, dotarase ás familias con manuais específicos de apoio a través dos cales explícase a técnica e o procedemento a seguir para obter un abono de calidade: desde a propia ubicación do composteiro ata os materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo, clarificando as dúbidas máis frecuentes e dando resposta ás preguntas máis comúns.
A compañía tamén puxo a disposición dos concellos os seus recursos humanos para impartir cursos de formación presenciais dirixidos aos usuarios para solventar dúbidas e minimizar erros.
Adicionalmente, os interesados contan cunha páxina web específica, www.compostaconsogama.gal, na que poden atopar toda a información sobre o programa e materiais de utilidade tales como guías, vídeos e xogos.
A día de hoxe, máis de 290 entidades das catro provincias galegas atópanse adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas máis de 10.000 composteiros.
Son os entes locais os que se encargan do seguimento do programa a través de visitas porta a porta a fin de garantir a correcta operativa do mesmo.
Saúdos, Departamento de Comunicación