- O encontro, que será inaugurado polo comisario europeo de Xustiza, Didier Reynders, terá lugar o próximo 15 de outubro e no mesmo analizaranse os avances acadados na UE e o que aínda falta para lograr un ecosistema de reparación próspero
Cerceda, a 10 de outubro de 2024.- Con motivo da celebración do Día Internacional da Reparación (19 de outubro), a coalición Right to Repair Europe organizou un seminario web, o 15 de outubro, de 13:30 a 15:00, para debater o estado do dereito a reparar en Europa.
Durante o encontro, a Open Repair Alliance (ORA) presentará as principais conclusións do seu último informe sobre datos abertos de reparación procedentes dos denominados Repair cafes. A intervención correrá a cargo de Ugo Vallauri, codirector do Proxecto Restart, e os datos cubrirán que tipo de categorías de produtos desexa reparar a xente nestes espazos de reparación comunitaria.
Con este telón de fondo, debaterase sobre o que se conseguiu durante o último mandato da UE (deseño ecolóxico, Directiva RTR), o que isto significa para a reparación e o que aínda falta para acadar un ecosistema de reparación próspero.
Pola súa banda, Thomas Opsomer, de iFixit, analizará as pezas que serían necesarias para que prospere unha verdadeira economía da reparación, mentres que Luisa Denter, de Germanwatch, falará sobre a importancia da economía circular para unha industria resistente.
O acto de inauguración do evento correrá a cargo do comisario europeo de Xustiza, Didier Reynders, e tamén participarán Ada Preziosi, da Dirección Xeral de Xustiza e Consumo da Comisión Europea, e Wojtek Sitarz, da Dirección Xeral de Medio Ambiente.
O acto terá lugar en inglés, e logo da conclusión das intervencións, abrirase unha quenda de preguntas no que poderá participar a audiencia.
Sobre Right to Repair Europe
A coalición Right to Repair Europe representa a máis de 170 organizacións de 27 países europeos. Inclúe ONG ambientais e actores do sector da reparación, como grupos de reparación comunitarios, actores da economía social, distribuidores de repostos, autorreparadores, empresas de reparación e reacondicionamento, e calquera cidadán que queira defender o seu dereito a reparar.
Trátase dun movemento que crece rapidamente e o seu obxectivo de facer que a reparación sexa alcanzable, accesible e xeneralizada está en liña cos obxectivos do Pacto Verde Europeo e o plan de acción para a economía circular.
Fonte: Right to Repair Europe
Imaxe: Pexels