- Os educadores de Sogama impartirán mañana, 31 de xaneiro, unha charla neste centro, que ya formou parte do programa de visitas ao complexo medioambiental de Cerceda en cursos académicos anteriores.
Cerceda, a 30 de xaneiro de 2019.- Os educadores de Sogama estarán mañá na localidade pontevedresa de Marín. En concreto no IES Illa de Tambo, a donde se desprazarán co obxectivo de celebrar unha xornada formativa na que darán a coñecer a actividade desta empresa pública, expoñendo tamén boas prácticas a adoptar cada día para contribuír a unha xestión dos residuos urbanos máis eficiente desde o punto de vista ambiental, económico e social.
Os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) erixiranse no centro de atención, toda vez que constitúen o cimento do bo comportamento ambiental en materia de residuos. Consumir de forma responsable e diminuír a elevada produción de refugallos, característica das sociedades modernas, constitúe o primeiro paso a dar, que debe ser complementado co máximo aproveitamento dos produtos, a través da reutilización, e a reciclaxe, só viable se houbo con carácter previo unha correcta selección dos materiais en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores correspondentes.
FRENO AO DESPERDICIO ALIMENTARIO
Prestarase especial atención ao desperdicio alimentario. No mundo pérdese un terzo da comida que se produce para o consumo humano, sendo o fogar , cun 42%, o ámbito que máis contribúe a este fenómeno. Con sinxelos xestos pódese poñer coto a este sinsentido: comprando o xusto, diferenciando a data de caducidade da de consumo preferente (a primeira indica o momento a partir do cal o produto pode supoñer risco para a saúde e a segunda o momento a partir do cal pode perder cualidades tales como textura, sabor e cheiro, pero sen representar risco algún para a saúde), axustar as racións ao número de comensais, facer un oco na cesta da compra para os alimentos feos, coas mesmas propiedades nutritivas que os guapos, aproveitar as sobras para conxelar ou elaborar novos menús e revisar de forma periódica a neveira e a despensa para consumir antes os artigos máis antigos.
IMPULSO Á RECOLLIDA SELECTIVA E Á COMPOSTAXE DOMÉSTICA
Así mesmo, os monitores detallarán os residuos que deben e non deben depositarse en cada contedor de recollida selectiva para que poidan ser transformados en novos produtos, contribuíndo ao aforro de enerxía e materias primas, e faranse eco dos beneficios, tanto ambientais, como económicos e sociais, que trae consigo a compostaxe doméstica; unha técnica que permita reciclar a materia orgánica nas propias vivendas unifamiliares e devolvela ao solo en forma de fertilizante de alta calidade.
A empresa recordará que o concello de Marín adheriuse no seu momento ao programa de compostaxe doméstica de Sogama con 100 familas ás que se formou na técnica e ás que se dotou cun composteiros no que fabricar o abono dunha forma máis cómoda e hixiénica.
Tamén se explicará a actividade industrial de Sogama, centrada na xestión de dúas fraccións de residuos (bolsa amarela e bolsa negra), sendo o seu cometido recuperar a parte susceptible de ser reciclada e valorizar enerxeticamente a parte non reciclable para transformala en electricidade. De feito , a enerxía producida no complexo cercedense equivale ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Saúdos, Departamento de Comunicación