- Hoxe, 8 de xuño, celébrase o Día Mundial dos Océanos cunha chamada á acción dos cidadáns a fin de que se involucren na súa conservación e coidado.
- Malia que son os verdadeiros pulmóns do planeta, están sometidos a unha continua presión humana, sendo os residuos vertidos aos mesmos una das principais ameazas para os ecosistemas mariños.
- A fin de invitar á reflexión e ás boas prácticas orientadas á protección dos nosos mares, Sogama vén de publicar un pequeno diario de a bordo.
Cerceda, a 8 de xuño de 2020.- Hoxe, 8 de xuño, celébrase o Día Mundial dos Océanos cunha chamada á acción dos cidadáns a fin de que se involucren na súa conservación e coidado.
A fin de tomar conciencia das ameazas ás que se enfronta a vida mariña e instaurar bos hábitos para contribuír ao seu equilibrio, Sogama vén de lanzar un diario de a bordo baixo o lema “Poñamos rumbo a toda vela cara á sostibilidade dos océanos”
Malia que son os verdadeiros pulmóns do planeta, están sometidos a unha continua presión humana, sendo os residuos vertidos aos mesmos una das principais ameazas para os ecosistemas mariños, a fauna, a pesca, o turismo e a propia alimentación da poboación.
Algúns datos poden invitar á reflexión. Por exemplo, que os océanos cobren as tres cuartas partes da superficie da Terra, conteñen o 97% da auga do planeta e representan o 99% da superficie habitable en volumen. A súa temperatura, química, correntes e vida moven sistemas que fan que a Terra sexa habitable para a humanidade. Proporciónannos a maior parte do osíxeno que respiramos e son unha fonte importante de alimentos e medicamentos.
Así mesmo, absorben ao redor do 30% do dióxido de carbono producido polos humanos, amortiguando os impactos do quecemento global e allbergan case 200.000 especies identificadas, aínda que as cifras reais poden ser de millóns. A nivel mundial, o valor de mercado dos recursos mariños e costeiros, e a súa industria, estímase en ao redor do 5% do PIB mundial.
Os residuos que acaban nos mares atentan contra o equilibrio dos tesouros naturais que albergan nos mesmos. De feito, nos últimos 40 anos, a cantidade de lixo mariño -só na capa superficial- aumentou en máis dun 100%, representando o plástico entre o 60 e o 90%, coa particularidade de que este material tarda máis de 400 anos en descompoñerse.
Calcúlase que 13 millóns de toneladas de residuos plásticos acaban nos océanos cada ano, cifra que equivale a verter no mar un camión de lixo cheo de plástico cada minuto. O 85% do lixo mariño ten a súa orixe en terra.
Tamén cada ano, máis dun millón de aves e máis de 100.000 mamíferos morren como consecuencia dos residuos plásticos que chegan aos océanos. Estudos recentes revelan que este tipo de contaminación alcanza ao 100% das tartarugas mariñas, ao 59% das baleas, ao 36% das focas e ao 40% das aves mariñas.
A acumulación de plásticos xerou 5 grandes illas artificiais de lixo que navegan á deriva: dúas no Pacífico –unha delas ten 1,8 billóns de pedazos de lixo-, dúas no Atlántico e unha no Índico.
De non tomar medidas, os expertos auguran que, en 2050, no mar haberá máis plásticos que peixes.
Ligazón campaña: http://www.sogama.gal/gl/campanha/rumbo-toda-vela-cara-%C3%A1-sostibilidade-dos-oc%C3%A9anos
Saúdos, Departamento de Comunicación