- A empresa pública entregou nesta localidade 25 novos composteiros de 340 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- Desta forma, o concello poderá estender as prácticas de autocompostaxe a novas vivendas unifamiliares para propiciar a reciclaxe da materia orgánica en orixe, un proceso con importantes beneficios ambientais e sociais.
- Os veciños que se incorporen a esta nova fase, recibirán igualmente manuais didácticos nos que se explica de forma detallada a técnica a seguir para obter un compost de boa calidade.
Cerceda, a 23 de maio de 2019.- O éxito alcanzado na primeira fase do proceso de implantación do programa de compostaxe doméstico no concello de Salvaterra do Miño (Pontevedra), levou ao ente local a ampliar a iniciativa a outras 25 vivendas, facendo unha total de 95 as que, de facto, están adscritas a unha iniciativa coa que se garante a recuperación da materia orgánica en orixe, logrando importantes beneficios ambientais e sociais.
Os novos composteiros subministrados por Sogama, de 340 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclados, e a súa función é facer máis cómodo o proceso de transformación da materia orgánica en abono. Trátase así de recuperar unha práctica que forma parte da tradición do medio rural, pero dunha forma máis hixiénica, asequible e moderna.
Dado que os residuos orgánicos representan aproximadamente o 42% da composición media dunha bolsa tipo, se estes se reciclan en orixe e se evita o seu depósito nos contedores verdes convencionais, o concello entregará menos toneladas de lixo a Sogama, reducíndose desta forma os custos.
Os novos veciños recibirán igualmente manuais didácticos de compostaxe nos que se explica a técnica de forma detallada, dáse resposta ás preguntas máis frecuentes e solvéntanse as dúbidas máis habituais, facendo especial fincapé no control de parámetros clave tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade para obter un compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente e ser aplicado no solo con garantías.
FERRAMENTAS DIVULGATIVAS DE APOIO
Adicionalmente, os usuarios dispoñen dunha páxina web específica www.compostaconsogama.gal, na que poderán atopar información de utilidade, así como recursos tales como vídeos e xogos.
Tamén nesta páxina terán a oportunidade de acceder a todos os materiais divulgativos enmarcados no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, “Res2ValHum”, cuxo obxecto é poñer en valor a materia orgánica, ata para usos que van máis aló dos puramente agrícolas, abrindo a porta a outras aplicacións no ámbito da cosmética e accións terapéuticas diversas.
Sogama xa repartiu 10.300 composteiros entre preto de 300 entidades (concellos, centros educativos e colectivos sociais) que quixeron sumarse ao seu programa, toda vez que trae consigo importantes vantaxes para a protección ambiental, a nivel social e tamén desde o ámbito económico.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación