- Prolongar a vida útil deste dispositivo reduce significativamente a súa pegada de carbono.
- O consumismo, ás veces irracional, que se pon de manifesto en relación cos dispositivos electrónicos provoca un inxente malgaste de recursos.
Cerceda, a 7 de marzo de 2019.- Os teléfonos intelixentes revolucionaron non só o sector das telecomunicacións, senón os nosos propios hábitos, poñendo á nosa disposición alta tecnoloxía que nos permite comunicarnos cos demais, consultar internet, facer fotografías de alta calidade, escoitar música, etc.
Con todo, case nunca reparamos no impacto que, para o medio ambiente, supón a fabricación destes sofisticados dispositivos electrónicos. No interior do noso teléfono intelixente podemos achar metais preciosos como o ouro, o paladio e o platino, así como outros menos coñecidos, pero non por iso menos valiosos para a industria, como o estaño, o cobalto, o tantalio ou o tungsteno.
UNHA VERDADEIRA MINERÍA URBANA
Todos os elementos que compoñen un Smartphone poden acabar depositados en lugares totalmente inapropiados, se unha vez que decidimos refugar o noso dispositivo facémolo fóra das canles axeitadas.
A industria electrónica xera anualmente uns 41 millóns de toneladas de residuos que conteñen materiais moi valiosos, aínda que unha baixa porcentaxe deste tipo de refugallos son tratados correctamente. O resto de materiais chega a constituír unha auténtica mina urbana, cuxo valor non é baladí, se se ten en conta que cada ano se utilizan unhas 300 toneladas de ouro na fabricación de produtos electrónicos, entre eles os nosos teléfonos intelixentes.
PROLONGAR A VIDA ÚTIL
A fabricación dun Smartphone representa o 80% da súa pegada de carbono, mentres que o seu uso alcanza o 16% e o seu transporte implica o 4% restante.
O progresivo acurtamento da vida útil dos teléfonos móbiles, cuxa taxa de renovación non deixa de aumentar progresivamente, é un exemplo perfecto de consumo insostible. Só en 2016 se refugaron no mundo unhas 435.000 toneladas de teléfonos móbiles.
Reutilizar, revender e reciclar son xestos que contribúen a mitigar o problema, precisándose igualmente do deseño de dispositivos electrónicos realmente sostibles e duradeiros. Só así lograremos facer un uso sostible dos mesmos e poñelos en valor unha vez finalizada a súa vida útil.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación