- Reduciríanse tamén os efectos dañinos do cambio climático, xa que o desperdicio alimentario é responsable do 8% das emisións globais de gases de efecto invernadoiro e case o 30% da terra agrícola do mundo utilízase para producir alimentos que nunca serán consumidos.
- Hoxe celébrase, por primeira vez, o Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos, efeméride designada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o pasado 19 de decembro para contribuír a sensibilizar a toda a cadea alimentaria sobre a importancia deste problema e as súas posibles solucións.
- Mentres que nos países en desenvolvemento o 40% da perda prodúcese durante a colleita e na etapa de procesamento, nos industrializados, a perda ten lugaro a nivel minorista ou do consumidor.
Cerceda, a 29 de setembro de 2020.- O 19 de decembro de 2019, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 29 de setembro como Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos, recoñecendo que a celebración desta efeméride contribuiría significativamente a sensibilizar a toda a cadea alimentaria sobre a importancia deste problema e as súas posibles solucións desde todas as dimensións.
Cada ano un terzo da produción mundial de alimentos para o consumo humano pérdese ou desperdíciase. Combater este problema contribuiría a reducir a pobreza e a fame, á vez que axudaría a loitar contra o cambio climático.
A ONU asegura que se aforrásemos unha cuarta parte da comida que agora se desperdicia, poderíase alimentar a 870 millóns de persoas que padecen fame, coa particularidade de que os efectos dañinos do cambio climático minoraríanse, toda vez que o desperdicio alimentario é responsable do 8% das emisións globais de gases de efecto invernadoro e case o 30% da terra agrícola do mundo utilízase para producir alimentos que nunca serán consumidos.
PERDA E DESPERDICIO ALIMENTARIO NON É O MESMO
A perda de alimentos ten lugar nos seguintes escenarios:
- As explotacións agrícolas, debido a un momento inapropiado para a recolección, as condicións climáticas, as prácticas utilizadas na recolección e a manipulación, e os problemas na comercialización da produción.
- Os almacéns, debido a un almacenamento inadecuado, así como a decisións tomadas en etapas temperás da cadea de subministración que fan que os produtos teñan unha vida útil máis curta.
- O transporte, xa que unha boa infraestrutura e unha loxística comercial eficaz son fundamentais. A elaboración e o envasado son determinantes na conservación dos alimentos, e as perdas adoitan deberse a instalacións obsoletas, ao mal funcionamento técnico ou a erros humanos.
Pola súa banda, o desperdicio alimentario ocorre nos comercios minoristas debido a unha vida útil limitada, a necesidade de que os produtos alimenticios cumpran as normas estéticas en termos de cor, forma e tamaño, e a variabilidade da demanda. E tamén no fogar debido a unha mala planificación das compras e as comidas por parte do cidadán, un exceso de compra (influído por porcións e tamaños de envases demasiado grandes), confusión sobre as etiquetas (datas de consumo preferente e de caducidade) e un almacenamento inadecuado no fogar.
Tendo en conta a crecente poboación mundial, as Nacións Unidas (ONU) ven unha necesidade urxente de abordar as grandes cantidades de alimentos perdidos e desperdiciados en todo o mundo, facendo fincapé nos riscos que implican para o cambio climático, a sostibilidade da agricultura, os medios de subsistencia humanos e as subministracións de alimentos. Tamén constitúe un obxectivo recollido na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, e específicamente na Meta 12.3 , que esixe reducir á metade o desperdicio mundial de alimentos per cápita a nivel minorista e de consumo, así como reducir as perdas de alimentos ao longo das cadeas de produción e subministración.
A FAO e o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), axencias líderes na celebración deste Día Internacional, están traballando actualmente para medir os progresos. A FAO lidera os esforzos relacionados co Índice de Perda de Alimentos e brinda orientación para as intervencións de políticas, e o PNUMA está a cargo do Índice de Desperdicio de Alimentos, comprometéndose a acelerar a acción a través do seu programa de actividades de sistemas alimentarios sostibles que teñen como obxectivo crear conciencia e catalizar a acción a nivel local, rexional e internacional.
DATOS QUE INVITAN Á REFLEXIÓN
- Mentres que nos países en desenvolvemento o 40% da perda prodúcese durante a colleita e na etapa de procesamento, nos industrializados ocorre a nivel minorista ou do consumidor.
- Europa e América do Norte desperdician un promedio de 95-115 kg de comida por persoa cada ano.
- O volume de auga utilizado para producir a comida desperdiciada equivale a 3 veces o volume do lago Xenebra.
Fonte: ONU
Imaxe: Pixabay