- O vindeiro sábado, 9 de xuño, terá lugar, en Santiago de Compostela, a quinta edición da Carreira e Andaina populares promovida por ACEM a fin de dar visibilidade á enfermidade e á propia asociación, ademais de recadar fondos.
- O punto forte da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple é que conta cun plan de rehabilitación integral conformado por distintas áreas, constituíndo un importante apoio para as persoas que sofren esta doenza, así como para as súas familias.
Cerceda, a 4 de xuño de 2019.- Mañá conclúe o prazo para que os interesados poidan inscribirse na quinta edición da carreira e andaina populares que promove ACEM, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, co obxectivo de dar visibilidade á enfermidade e á propia asociación, ademais de recadar fondos. Terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro domingo, 9 de xuño, a partir das 11:00 da mañá, e a cita será na Alameda.
Disto falou no programa Ecovoz, emitido por Radio Voz Galicia, Naira Filgueira Dopico, vicepresidenta de ACEM, onde explicou os detalles da carreira, forma de inscribirse (presencial e online) e ata da posibilidade de colaborar co denominado Dorsal 0, a través do cal pódese aportar unha doazón sen necesidade de participar na carreira.
O encontro foi gañando en presenza durante os últimos anos e a asociación confía en superar o milleiro de inscricións. Considera que é unha forma de divulgar o seu cometido e darse a coñecer, toda vez que representa un importante punto de apoio para os enfermos e as súas familias.
Filgueira explicou que ACEM, cuxa sede atópase no barrio de Salgueiriños, en Santiago de Compostela, opera desde 1995, e traballa fundamentalmente para mellorar as condicións de vida das persoas que padecen esta enfermidade e axudalas en todos os ámbitos. Neste momento conta con 230 socios, pero, a xuízo da súa vicepresidenta, non están todos os que sofren esclerose múltiple no área compostelá, de aí a importancia de divulgar o seu cometido. “Cando os afectados van a primeira vez á asociación, volven; fanse amizades, créanse vínculos e, xa que logo, todo faise máis levadío”, abundou.
O punto forte da Asociación é que conta cun plan de rehabilitación integral conformado pola área de logopedia, fisioterapia, psicoloxía, traballo social, terapia ocupacional, lecer, deportes, pilates e distintos talleres para adestrar aspectos cognitivos. Trátase, como asegura Naira Filgueira, “de facer piña, de compartir”.
A carreira do próximo 9 de xuño, que conta tamén coa humilde colaboración de Sogama, constitúe unha das vías para dar a coñecer e visibilizar a enfermidade e a propia asociación.
Máis información en www.acemsantiago.org
Saúdos, Departamento de Comunicación