- Esta empresa pública entregou ao centro un composteiro de 400 litros de capacidade e fabricado con materiais reciclados e reciclables a fin de que a comunidade educativa poida fabricar compost coa materia orgánica xerada.
- Co obxectivo de asesorar ao alumnado no aproveitamento dos alimentos e minimizar a cantidade de comida que acaba arroxada ao cubo do lixo, educadores de Sogama trasladaranse a esta escola o próximo 17 de outubro para impartir unha sesión formativa.
Cerceda, a 4 de outubro de 2019.- A sección de Hostalería do IES Lagoa de Antela, en Xinzo de Limia (Ourense), sumouse ao programa de compostaxe de Sogama. Con tal fin, esta empresa pública subministrou ao centro un composteiro de 400 litros de capacidade e fabricado con materiais reciclados e reciclables. O obxectivo dos estudantes é transformar en abono a materia orgánica xerada durante as clases prácticas, evitando que esta acabe no contedor convencional.
O seu traballo diario entre fogóns levoulles a reflexionar sobre o desperdicio alimentario e a forma de minimizalo. As cifras son preocupantes, xa que un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano acaban refugados ao longo de toda a cadea, sendo o fogar, cun 42%, o sector que máis contribúe a este fenómeno.
O consumo responsable e a adquisición dos produtos necesarios tras revisar a despensa e a neveira, constitúe o primeiro xesto a adoptar.
Diferenciar entre data de caducidade e data de consumo responsable eríxese tamén nunha prioridade, xa que a confusión entre ambas pode levar a desperdiciar artigos en bo estado. Así, a data de caducidade indica o momento a partir do cal un produto non é apto para o consumo humano, e a de consumo responsable refírese ao momento en que, se ben o produto pode perder cualidades tales como textura, sabor e olor, non supón unha ameaza para a saúde humana.
Axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras constitúen tamén xestos a incorporar á vida cotiá para sacarlle o maior proveito á comida. E para a parte orgánica non comestible, a compostaxe eríxese nunha magnífica opción ao poñela en valor mediante a súa transformación nun abono con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
A fin de asesorar á comunidade educativa no aproveitamiento dos alimentos e minimizar a cantidade de comida que acaba arroxada ao cubo do lixo, educadores de Sogama trasladaranse a este centro o próximo 17 de outubro para impartir unha sesión formativa na que, ademais desta temática, abordarán o principio dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar), a actividade industrial desta empresa pública e a contaminación por plásticos, un preocupante problema ao que Europa xa está poñendo coto ao prohibir os plásticos de usar e tirar a partir do ano 2021.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación