- Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, correspondente ao número de marzo da Newsletter corporativa.
Seguimos en obras e a pé de obra, pero moito máis preto de alcanzar a excelencia. Trala posta en marcha da nova planta de recuperación de materiais, que xa opera en liña coa emerxente industria 4.0, e o inicio da remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, achegámonos xa ao noso obxectivo estrela para este ano: culminar o proxecto de ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda, ao que destinamos un investimento de 29 millóns de euros.
A mediados deste ano, a capacidade da nosa infraestrutura central terase incrementado nun 81% e Sogama pasará a ocupar o primeiro posto en Europa a nivel de eficiencia no tratamento sostible dos residuos urbanos, posicionándose tamén como referente a nivel mundial. Un título que alcanzaremos grazas aos accionistas desta entidade pública, a todos os concellos que confían no noso servizo e, por suposto , á colaboración de máis de 2.242.000 galegos, os nosos principais aliados.
Así mesmo, o pasado mes de febreiro 229 concellos decidiron acollerse á bonificación do canon de Sogama nun 10%, comprometéndose, en plena sintonía coas directrices europeas na materia, a propiciar unha redución da produción de refugallos en orixe e/ou unha maior reciclaxe, coa particularidade de que esta rebaixa do canon será trasladada a preto de 2 millóns de veciños. Gratifícase así o seu esforzo e aléntaselles a seguir participando de forma activa na xestión sostible dos residuos a través da aplicación efectiva do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) baixo o paraugas da responsabilidade.
E precisamente neste número da nosa Newsletter facémonos eco de dúas interesantes entrevistas nas que, por unha banda, se alerta sobre a inxente cantidade de alimentos que cada día acaban no lixo, ocasionando un negativo impacto ambiental, económico, social e tamén moral; e, por outro, ponse de relevo a oportunidade que brinda a reciclaxe de materiais tan valiosos como as latas, contribuíndo ao aforro de recursos.
Os prazos apreman e urxe estreitar a colaboración entre administración, empresas e cidadáns para que a sostibilidade se instale de forma definitiva na xestión dos residuos e que a economía circular se abra camiño e flúa para converterse, máis pronto que tarde, nunha realidade.
Presidente
Javier Domínguez Lino