- Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, correspondente á Newsletter corporativa publicada no mes de xullo.
Aínda que a nosa política empresarial inclúe programas de información, formación e concienciación ambiental en xestión sustentable de residuos urbanos durante todo o ano, o certo é que nos pasados meses de maio e xuño reforzamos as accións promovidas pola nosa entidade en relación ao principio das tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
Así, e con motivo do Día Internacional da Reciclaxe, celebrado o pasado 17 de maio, lanzamos unha campaña online que, baixo o lema “Recíclate con Sogama. Querer é poder!”, erixíase nunha clara invitación á responsabilidade compartida, dando conta das poderosas razóns polas cales é importante contribuír á reciclaxe: aforro de enerxía e materias primas, loita contra o cambio climático e preservación dos xa limitados e escasos recursos naturais.
Dúas semanas despois, e no marco do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño), poñiamos en marcha outra iniciativa, neste caso especialmente dirixida aos 295 concellos adscritos ao modelo Sogama, e faciámolo co título “#RRR. O medio ambiente necesita a túa axuda”.
En forma de microsite, de novo empoderábamos ás tres erres a través dun novo manual de boas prácticas e catro microvídeos sobre o bo uso dos principais contedores de recollida selectiva habilitados nas vías públicas (amarelo, azul, iglú verde e xenérico). A creatividade gráfica mesmo lle valeu un premio nun Festival Internacional á empresa de publicidade e márketing encargada de elaboralos, polo que, aproveitando estas breves liñas, desde aquí reitero o noso máis sincero parabén e, por suposto, nosa máis sincera gratitude polo empeño e esforzo no realización dun traballo de alta calidade.
E tres días máis tarde, para celebrar o Día dos Océanos, que tivo lugar o 8 de xuño, despregabamos as velas doutra campaña bautizada cun sinxelo slogan “O mar non é un vertedoiro”. A nosa pretensión era deixar constancia da problemática que representa o lixo mariño, especialmente os refugallos plásticos, e as súas graves consecuencias para os ecosistemas, a fauna, o turismo, a pesca e a alimentación humana, xa que non debe esquecerse que os microplásticos regresan ás nosas mesas a través do peixe que comemos e o sal co que aderezamos os nosos pratos. De continuar nesta liña, os expertos auguran que, en 2050, haberá máis plásticos ca peixes no mar. E non o podemos consentir.
Desde Sogama non flaqueamos no empeño de levar a cabo cantas accións sexan necesarias, sempre tendo en conta os recursos dos que dispoñemos, para evitar o abandono de residuos na natureza e propiciar que cada refugallo sexa xestionado correctamente conforme ás súas características e posto en valor.
Complementamos os xestos cidadáns, que se tornan en imprescindibles, coa innovación tecnolóxica industrial para rescatar aquel material reciclable que por erro, descoido ou por calquera outra razón, chegue ao noso complexo de Cerceda no contedor da fracción resto.
Axuntando concienciación social e novas tecnoloxías, conseguiremos entre todos prestar e recibir o mellor servizo público posible en xestión sustentable de residuos; un servizo que contribuirá en boa medida a facer posible a economía circular.
Entre tanto, seguiremos Erre que Erre.
Feliz verán.
Presidente
Javier Domínguez Lino