- Isto implica a necesidade de diminuír a xeración de residuos e adoptar o enfoque do ciclo de vida, deseñando os produtos para ser duradeiros e empregar na súa fabricación materiais de baixo impacto, así como en menor cantidade
Cerceda, a 1 de abril de 2024.- O pasado sábado, 30 de marzo, celebrouse o Día Internacional de Cero Refugallos, unha data instaurada en 2022 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co fin de chamar a atención sobre as graves consecuencias que teñen para o planeta os sistemas de produción e consumo insostibles, así como a importancia de promover iniciativas de redución de residuos que contribúan á consecución dos obxectivos e metas da Axenda 2030.
Os fogares, as pequenas empresas e os provedores de servizos públicos xeran cada ano entre 2.100 e 2.300 millóns de toneladas de residuos, que van desde envases e equipos electrónicos ata plásticos e alimentos. Malia os avances no sector, aínda hoxe 2.700 millóns de persoas en todo o mundo carecen de acceso á recollida de residuos e unicamente entre o 61 % e o 62 % dos refugallos se xestionan en instalacións controladas.
É por iso que a segunda edición do Día Internacional de Cero Refugallos fai fincapé na necesidade de fortalecer a xestión dos residuos a escala mundial e na importancia de adoptar prácticas de produción e consumo sostibles.
Solucións previas á produción
Se ben a prioridade máis urxente segue sendo mellorar a xestión dos residuos no seu conxunto, o certo é que, para resolver a crise xerada por estes, deben visualizarse como un recurso, o que implica diminuír a súa xeración e adoptar o enfoque do ciclo de vida, isto é, deseñando os produtos para ser duradeiros e utilizar na súa fabricación materiais de baixo impacto ambiental e enerxético, e en menor cantidade.
Tomar este tipo de decisións nas fases iniciais de produción, contribuiría a reducir ao mínimo a contaminación do aire, a terra e a auga, e a diminuír a extracción dos valiosos e limitados recursos naturais.
Con todo, para lograr sociedades con cero refugallos, requírese que todas as partes interesadas se comprometan e apliquen medidas nos distintos ámbitos.
Fonte: ONU
Imaxe: Pexels