- Baixo o título “The world in 2030” (O mundo en 2030), este estudo materializouse a través dun cuestionario aberto en internet desde maio a setembro de 2020 en máis de 25 idiomas.
- O 67% dos cidadáns considera que o desafío máis importante ao que nos enfrontamos son o cambio climático e a perda de biodiversidade, pero cada vez ven menos esperanzas de poder resolver o problema.
- A educación destacouse como unha solución crucial para superar os retos.
Cerceda, a 6 de maio de 2021.- De acordo cos resultados dunha enquisa realizada pola UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) baixo o título “The world in 2030” (O mundo en 2030), e materializada a través dun cuestionario aberto en internet desde maio a setembro de 2020 en máis de 25 idiomas, o 67% dos cidadáns considera que o desafío máis importante ao que nos enfrontamos son o cambio climático e a perda de biodiversidade.
Trátase dunha preocupación universal para os que non viven baixo un conflito ou unha guerra, sen diferenza de xénero, idade ou lugar de residencia. Non obstante, cada vez ven menos esperanzas de poder resolver o problema.
Outros motivos de inquietude son a violencia e o conflito (44%), a discriminación e a desigualdade (43%), así como a escaseza de alimentos, auga e vivenda (42%).
Para abordar o reto representado polo clima e a biodiversidade, os enquisados sinalaron a importancia do investimento en solucións ecolóxicas, a educación sobre sostibilidade, a promoción da cooperación internacional e a xeración de confianza na ciencia.
A educación destacouse como unha solución crucial, sinalándoa igualmente como a área da sociedade que máis necesita repensarse á luz da pandemia de Covid-19.
Se ben o 95% dos enquisados dixo que a cooperación entre países era importante para superar estes desafíos, só un de cada catro informou sentirse seguro de que o mundo pode finalmente logralo.
En conxunto, os resultados suxiren, non unha falta de recoñecemento da importancia do multilateralismo, senón máis ben unha crise de fe na súa eficacia.
Fonte: ONU
Imaxe: Pexels