- Educadores de Sogama impartirán mañá neste centro unha sesión formativa dirixida a escolares de 3º de ESO.
- Falarán do labor industrial desta empresa pública e da ampliación do complexo cercedense, que traerá consigo máis reciclaxe e menos vertido, prevendo chegar en 2020 ao vertido técnico cero.
- Tamén abordarán outras temáticas tales como o lixo mariño, a contaminación por plásticos e a compostaxe doméstica.
Cerceda, a 22 de abril de 2019.- A educación ambiental constitúe unha prioridade para o colexio Sek Atlántico de Poio (Pontevedra). Desde fai anos, conta cun programa pedagóxico específico a través do cal busca incrementar o coñecemento e a sensibilidade dos seus alumnos na protección da contorna. A formación de futuros adultos responsables e respectuosos co medio que nos rodea constitúe unha das súas máximas e por iso, mañá, 23 de abril, os educadores desta empresa pública, invitados polo centro, desprazaranse ao mesmo para impartir unha sesión formativa dirixida a medio cento de estudantes de 3º de ESO.
Falarán da filosofía de Sogama, que prioriza a aplicación da estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que complementa coa recuperación enerxética da fracción non reciclable, e explicarán as novidades vinculadas á súa actividade, entre as que cabería destacar a ampliación do seu complexo medioambiental de Cerceda (A Coruña), que en breve verá incrementada a súa capacidade nun 81%, pasando de 550.000 toneladas anuais a 1.000.000. Unha mellora con tres beneficios asociados: tratamento óptimo de todos os residuos municipais recibidos no mesmo, incremento da reciclaxe e diminución do uso do vertedoiro ata chegar o próximo ano ao vertido técnico cero. Para isto, a empresa xa conta cunha nova planta de recuperación de materiais capaz de separar ata 11 tipoloxías de refugallos contidos no lixo en masa, que remite aos centros recicladores.
Así mesmo, e desde o pasado mes de xaneiro, atópase traballando na remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, prevendo que, a mediados do ano en curso, a ampliación do complexo sexa unha realidade, situándose entón como a infraestrutura das súas características máis moderna e eficiente de Europa, e unha das de maior entidade a nivel mundial.
LIXO MARIÑO E COMPOSTAXE DOMÉSTICA
Pero, máis aló do propio cometido industrial de Sogama, os monitores desgranarán outros aspectos de interese tales como o lixo mariño e o seu negativo impacto sobre os ecosistemas, a fauna, a pesca, o turismo e a alimentación humana, así como a contaminación por plásticos e a necesidade de rexeitar os plásticos dun só uso tales como vasos, cubertos, pratos e pajitas, optando por alternativas máis sostibles.
Tamén se deterán en explicar o alcance da compostaxe doméstica e os seus beneficios ecolóxicos e sociais, sendo unha magnífica opción para poñer en valor a materia orgánica producida en vivendas unifamiliares que dispoñan de horta ou xardín no que aplicar o compost resultante, un abono natural con magníficas propiedades para o solo.
A separación de residuos en orixe e o seu correcto depósito nos contedores de destino constituirán outra das temáticas a abordar, toda vez que a reciclaxe depende en boa medida do labor previo realizado polo cidadán. Recordarase así a relación de materiais que deben ser introducidos en cada un dos contedores emprazados nas vías públicas e as vantaxes que este xesto reporta para o coidado da contorna e o aforro de enerxía e materias primas.
Saúdos, Departamento de Comunicación